A Deputación recibe este domingo 18 de agosto 140 cativos de 36 concellos da provincia nos campamentos da Lanzada

Durante seis días os pequenos desfrutarán nas instalacións do Grove dun amplo programa con actividades educativas, culturais, deportivas e formativas

16/08/2024

Os campamentos da Lanzada da Deputación de Pontevedra reunirán na súa oitava quenda e a partir deste domingo, 18 de agosto, a 140 nenos e nenas de 46 concellos da provincia. Ao longo de seis días, ata o sábado 24 de agosto, os cativos poderán desfrutar do seu tempo de lecer a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo. Neste verán e ata o 7 de setembro, serán en total 1.540 menores de 57 concellos da provincia os que participen nas once quendas en que se dividen os campamentos.

Os rapaces que chegarán esta semana ás instalacións que a Deputación ten no Grove (nados entre 2011 e 2016), proceden de Vigo (40), Pontevedra (20), O Rosal (6), Cangas (5), Redondela (5), Ponteareas (4), Salceda de Caselas (4), Salvaterra de Miño (4), Vilagarcía (4), Vilanova de Arousa (4), Baiona (3), Cambados (3), Catoira (3), Covelo (3), Mos (3), O Porriño (3), A Estrada (2), Gondomar (2), Nigrán (2), Poio (2), Sanxenxo (2), Vilaboa (2), Caldas de Reis (1), Cerdedo-Cotobade (1), Cuntis (1), O Grove (1), Marín (1), Meaño (1), Moaña (1), Moraña (1), As Neves (1), Portas (1), Ribadumia (1), Rodeiro (1), Soutomaior (1) Tui (1).

Os nenos e nenas do campamento poderán desfrutar dun amplo programa de actividades de multiaventura e tempo libre, algunhas delas en lingua inglesa, entre as que se atopan xogos e deportes, actividades na praia, ao aire libre relacionadas co medio natural, artísticas e nocturnas, teatro e contacontos e baile e actividades culturais. Ademais, realizarán un obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e visitarán a Illa de Ons e realizarán unha segunda excursión cultural, deportiva ou relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.

Ligazóns de interese