A Deputación recibe este domingo os últimos cativos que participarán este verán nos campamentos da Lanzada
Son un total de 140 nenos de 24 concellos da provincia que desfrutarán nas instalacións do Grove dun amplo programa con actividades educativas, culturais, deportivas e formativas
29/08/2024
Os campamentos da Lanzada da Deputación de Pontevedra chegan ao seu fin este verán cos últimos cativos que entrarán nas instalacións do Grove este domingo, 1 de setembro. Serán en total 140 nenas e nenos de 24 concellos da provincia que ao longo de seis días, ata o sábado 7 de decembro, poderán gozar do seu tempo de lecer a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo. Con este grupo, pasaron polo campamento da Lanzada un total de 1.540 menores de 57 concellos da provincia.
Os rapaces que chegarán esta semana ás instalacións da Deputación en San Vicente do Grove, todos eles nados entre os anos 2011 e 2016, proceden dos concellos de Baiona (1), Barro (2), Cangas (1), A Cañiza (2), Cuntis (2), Gondomar (1), O Grove (3), A Guarda (2), Lalín (1), Meis (1), As Neves (1), Nigrán (1), Poio (6), Pontevedra (21), O Porriño (1), Portas (1), Redondela (2), O Rosal (2), Salceda de Caselas (4), Sanxenxo (5), Soutomaior (1), Valga (1), Vigo (77) e Vilagarcía de Arousa (1).
Os nenos e nenas do campamento gozarán dun amplo programa de actividades de multiaventura e tempo libre, algunhas delas en lingua inglesa, entre as que se atopan xogos e deportes, actividades na praia ou ao aire libre relacionadas co medio natural, así como artísticas e nocturnas. Tamén teatro, contacontos, baile ou actividades culturais. Ademais, realizarán un obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial durante o próximo ano, visitarán a Illa de Ons e realizarán unha segunda excursión cultural, deportiva ou relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.