A Deputación advirte da importancia de mellorar a aireación das viñas para protexelas fronte ao mildio larvado

Recomenda ademais seguir aplicando insecticida contra a flavescencia dourada nos viñedos do sur da provincia e manter a vixilancia ante o avance do oídio

26/07/2024

Aviso fitosanitario 26-07-2024

A Deputación de Pontevedra lembra esa semana, que, ademais de facer revisións periódicas da viña para protexelas contra o mildio larvado, é fundamental levar a cabo prácticas agronómicas que conduzan a unha mellor aireación das plantas. Malia iso, e grazas á subida das temperaturas e a baixada da humidade, os técnicos da Estación Fitopatolóxica Areeiro non teñen observado nesta última semana avance na súa presencia naquelas viñas nas que xa había, nin tampouco viron síntomas naquelas nas que non estaba presente. De feito, a nivel dos acios tan só hai que destacar a aparición de mildio con frutificación aparentemente activa nalgúns rebuscos de viñas moi afectadas con anterioridade, algo que non debería preocupar debido ás altas temperaturas.

Aínda así, os orballos unidos ás altas temperaturas nocturnas fixeron que na maioría dos predios que non recibiran tratamento nos últimos días as follas novas aparezan con moitas manchas recentes. A mesma aparición de manchas nas follas máis tenras observase nas plantas de diferentes variedades que medran en bordos das estradas ou camiños e en muros de predios e que non reciben tratamentos de ningún tipo. Unha situación que, aseguran desde Areeiro, tampouco debería preocupar.

Por outra banda, nos predios incluídos dentro da zona demarcada establecida pola Xunta a raíz da detección da flavescencia dourada en Galicia son obrigatorias tres aplicacións insecticidas para o control das formas xuvenís (as dúas primeiras) e dos adultos de  Scaphoideus titanus (a última). Se ben están aparecendo os primeiros adultos nas trampas, aínda hai bastantes ninfas e, debido a que se debe evitar no posible a dispersión da patoloxía que transmiten, aínda se recomenda a aplicación de insecticida, en particular se non se efectuou o anterior, en calquera viñedo do sur da provincia.

No relativo ao oídio, esta semana non detectamos síntomas en ningún predio tratados fronte a este patóxeno. En canto ás plantas abandonadas ou as que non foron tratadas unicamente os observamos nas follas, se ben non é xeral. Por iso, recomendan seguir mantendo a vixilancia, aínda que son baixas as probabilidades de danos significativos nos acios. Sen embargo, as temperaturas elevadas  destes días si que incrementaron a gravidade dos síntomas das plantas afectadas por enfermidades de madeira, chegando a apreciarse algúns brazos mortos, que poden ir eliminándose para evitar a contaminación de outras cepas.

No relativo a outros cultivos, se ben esta semana recolleron dous adultos de mosca da casca verde de noz nas trampas instaladas en Areeiro, non se atoparon síntomas algúns na primeira mostra de noces. Pola súa banda, non se recolleu ningún macho nas trampas instaladas nos castiñeiros de tortrícido precoz. Con todo, agora que xa están formados os ourizos convén revisalos e retirar os que estean a coller un ton marrón, así coma os caídos ao solo. Desde Areeiro recordan que este ton amarronado e a súa caída prematura tamén pode ser debido ao fungo Gnomoniopsis, xa que as condicións ambientais deste ano foron moi favorables para o seu desenvolvemento. Tamén neste caso a retirada dos ourizos con síntomas e dos caídos ao solo é moi importante para reducir inóculo, e tamén se pode aplicar algún funxicida cúprico autorizado en castiñeiro. Ademais, lembran que para ambas pragas é recomendable estender baixo as árbores unha malla ou plástico na proxección da copa.

Por último, na revisión desta semana apareceu outro macho de Cydalima perspectalis ou bolboreta do buxo na trampa, mentres continúa incrementándose o tamaño das eirugas na sebe. Tamén observaron os primeiros síntomas noutras plantas do seu seguimento, polo que inciden na importancia de revisar ben o estado dos buxos en cada caso para saber cando é necesario tratalos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.