A Deputación recomenda aplicar funxicida natural ás viñas máis tardías ante a posible aparición de botrite e outras podres do acio

O persoal de Areeiro advirte ademais da importancia de retirar a froita con fungos nas diferentes árbores e os ourizos caídos prematuramente do castiñeiro

06/09/2024

Froito podre

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, acaba de publicar unha nova información fitosanitaria para axudar aos agricultores no relativo a distintas pragas e enfermidades. Desta maneira, ante estas primeiras choivas de setembro, os técnicos provinciais advirten que se poden producir problemas nas viñas máis tardías pois, aínda que as temperaturas nocturnas xa sufriron un descenso, as diúrnas seguen a ser compatibles co desenvolvemento da botrite. Por este motivo, recomendan aplicar un tratamento cun funxicida natural nestas viñas dirixido aos acios, e no caso de que se opte por non realizalo pero de restar aínda tempo para a vendima, lembran que seguen sendo convenientes as operacións destinadas a mellorar a ventilación.

Ademais, Areeiro desaconsella eliminar, con tempo húmido, brazos de plantas e cepas con síntomas de enfermidades da madeira, xa que podería haber maior densidade de esporas no ambiente. Tamén aseguran que neste período apenas se observaron manchas de mildio de maneira puntual en plantas testemuña sen tratamentos que non sufriron defoliación total.

No apartado de árbores froiteiras, os técnicos provinciais lembran que co tempo húmido é fundamental retirar e eliminar froita podre que aínda estea pendurada da árbore e tamén da caída ao solo, co fin de reducir o inóculo destes patóxenos para a próxima campaña e tamén a presenza de avespas e moscas da froita na contorna. No caso do castiñeiro é conveniente a retirada dos ourizos caídos prematuramente ao solo e daqueles que presenten cor marronácea na árbore, co obxectivo de reducir a presenza do patóxeno Gnomoniopsis e dalgúns insectos da castaña.

 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.