A Deputación recomenda eliminar follas secas para controlar a patoloxía que afecta aos buxos da provincia

A Estación Fitopatolóxica Areeiro avisa tamén da importancia de desfacerse dos cítricos caídos para evitar que se instalen neles fungos de podremia

18/10/2024

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, acaba de publicar un novo aviso fitoasanitario para alertar da importancia de estar pendente dos buxos ante a gran cantidade de alertas que se están a producir pola aparición xeneralizada de síntomas do fungo Cylindrocladium buxicola, xa non só en sebes ou plantas da provincia de Pontevedra, senón tamén doutras zonas como a comarca da Mariña Lucense. Unha patoloxía, ademais, que está afectando a diferentes variedades, desde a máis común ata as que son xeralmente máis sensibles. Segundo os técnicos de Areeiro, a situación vese favorecida polas condicións climatolóxicas desta temporada, húmidas e cálidas que, ademais, agravarán os danos nos vindeiros días.

Por iso, e para controlar esta patoloxía, lembran que é imprescindible aplicar medidas culturais como a eliminación das follas secas depositadas sobre as plantas ou caídas ao chan. No relativo aos tratamentos fitosanitarios, non existe ningún funxicida rexistrado especificamente para o seu control, se ben en diferentes ensaios deron bos resultados certas materias activas (azoxistrobin, difenoconazol, kresoxim-metil, piraclostrobin+boscalida ou trifloxistrobin+tebuconazol), que poden conter a enfermidade. Estas materias activas poden transportarse localmente nas follas e non se lavan coa choiva se pasa unha hora entre a aplicación e o inicio da precipitación.

Por outra banda, no relativo aos cítricos desde Areeiro recomendan recoller a froita caída ao solo, que aumentou por mor do furacán Kirk, para evitar que nela se instalen fungos de podremia. E a cantidade de auga que se acumula nas árbores favorecerá as infeccións por Phytophthora spp, e tamén neste caso a eliminación da froita afectada nas árbores contribúe a reducir os danos.

Ademais, Areeiro lembra que, debido ao tempo húmido non se poden realizar as podas das viñas de outono que moita xente empeza a realizar xa nesta época. Unha vez finalizado este período de precipitacións é preciso agardar un tempo para a poda, co obxectivo de que seque a madeira e o ambiente para evitar a contaminación polas esporas dos fungos que penetran a través das feridas.