A Deputación recomenda manter a vixilancia ante a botrite nas viñas e favorecer a ventilación das uvas

O persoal da Estación Fitopatolóxica Areeiro tamén lembra a importancia de eliminar as plantas mortas pola patoloxía de madeira e outras enfermidades

16/08/2024

Acio de loureira en perfecto estado sanitario

O persoal da Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro investigador da Deputación de Pontevedra, recomenda manter a vixilancia ante a posible aparición de botrite nas uvas xa que, se van incrementando os azucres este fungo ten maiores probabilidades de instalarse, e tamén se hai feridas nos grans. Neste senso, os técnicos observaron esta semana en diferentes zonas da comarca do Rosal, acios de loureira con rachos lonxitudinais na pel que enseguida se encheron de micelio do fungo, o que é normal tendo en conta a sensibilidade desta variedade. As precipitacións e a humidade relativa moi elevada por néboas, orballos, etc. unidos a unhas temperaturas altas son outros factores que favorecen a este fungo oportunista, aparte do varietal e das feridas. Por iso hai que manterse alertas e continuar tamén as labores culturais que favorezan a ventilación das uvas, pois nalgunhas viñas nas que nace auga ou que están a ser regadas en exceso, o desenvolvemento vexetativo e tamén das herbas da cuberta pode favorecer a aparición do fungo

Por outra banda, a escasa precipitación do pasado mércores non foi suficiente para limitar os síntomas de estrés hídrico nas cepas nin para evitar que sigan a manifestarse os síntomas de patoloxías de madeira. Lembramos que as plantas que morren por estas ou outras  enfermidades, así como os brazos afectados doutras plantas, poden ser eliminados perfectamente agora que está o tempo seco para evitar que facelo en época de choivas. Tamén se incrementa estes días a incidencia dos golpes de sol e de erinose de verán.

No relativo ao mildio, a estas alturas da campaña, con practicamente todas as variedades co pintado xa avanzando e entrando en fase de maduración, momento nos que os acios non son susceptibles ao patóxeno. Con todo, os técnicos de Areeiro advirten de que algunhas variedades, sobre todo tintas, non o teñen completado e aínda poderían ser afectadas de rexistrarse condicións favorables. De todas maneiras polo de agora unicamente apareceron síntomas (manchas) nas follas novas dalgúns pampos, pero tampouco de xeito significativo, nin nas plantas tratadas nin nas testemuña sen tratar ou nas abandonadas, independentemente da variedade. Isto foi así malia que o número de esporanxios do patóxeno segue a ser elevado nas plantas sen tratar.

Como as previsións a curto e medio prazo continúan anunciando tempo estable, con ceos maioritariamente despexados e ventos de dirección dominante norte ou nordés, non haberá risco elevado de que continúe a aparición de manchase probablemente as que hai irán secando polas altas temperaturas diúrnas e a influencia do sol. Deste xeito, será improbable que continúe a defoliación que se observa nas plantas testemuña e tamén nas partes altas das parras que tiveron máis mildio.

Por outra banda, os técnicos de Areeiro observaron esta semana viñas no Salnés con síntomas de trips (como son coñecidos os insectos da orde Thysanoptera). De feito, nas plantacións con malas condicións a nivel do solo e nutrientes, as poboacións son elevadas, e nese caso recoméndase unha intervención insecticida. As condicións ambientais secas e solleiras destes días tamén fan que sigan manifestándose as enfermidades de madeira e os golpes de sol. Ademais, está a aparecer a erinose de verán.

Canto a Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, hai que vixiar con trampas se continúa a haber capturas nas viñas da zona demarcada, no sur da provincia, en cuxo caso seguimos recomendando a aplicación dun insecticida. No rela tivo a outro cicadelido, o mosquito verde, na provincia pode considerarse unha praga secundaria, polo que a viña só debe ser tratada se os niveis poboacións son moi elevados.

Por último, ao igual que no caso das viñas, desde Areeiro recomendan intervir contra os fungos de podremia da e ir eliminando as partes mortas e tamén as plantas que sucumban para reducir o nivel de inóculo presente no lugar. Ademais, lembran que facelo en tempo seco garante que no ambiente non haxa apenas esporas dos patóxenos e que as presentes non teñan posibilidades de establecerse nas zonas dos cortes practicados, que deben realizarse en forma de bisel, deben ser limpos e respectando as engurras de cortiza ou ben deixando algo de madeira para permitir a formación do cono de desecación.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.