A Deputación aconsella favorecer a circulación do aire arredor dos acios para conter a botrite

O persoal de Areeiro lembra que as condicións meteorolóxicas previstas esta fin de semana son favorables á aparición deste fungo, malia que a situación xeral nesta campaña sexa boa e a súa aparición fose unicamente puntual

23/08/2024

Aviso fitosanitario 23/08/2024

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, advirte da necesidade de atender as precipitacións previstas para este venres e este sábado 23 e 24 de agosto á hora de observar posibles avances en enfermidades e fungos como o mildio ou, especialmente, a botrite.

Malia que non se observaron apenas síntomas novos de mildio, pois os acios xa non son susceptibles a esta enfermidade (exceptuando rebuscos neoformados tras os despuntes, ou os que seguen estando verdes sen madurar), e coa vendima próxima non se agardan problemas de falta de maduración por defoliación, naquelas viñas que teñen máis danos en folla e aínda queda moita vexetación fotosinteticamente activa, cómpre manter a vixilancia especialmente nas variedades tardías ou nos predios de zonas máis frescas.

Pola contra, as nubes previstas para estes días, co incremento da humidade e as altas temperaturas, si se pode favorecer o patóxeno do oídio, pero os síntomas que poidan aparecer serán contidos a partir do domingo, pois volverá o tempo seco e solleiro, que non favorece a súa xerminación. No caso da botrite, as condicións do verán fixeron que a situación xeral sexa boa e a presenza unicamente puntual, mesmo nas viñas sen tratamento e nos acios de variedades sensibles. Porén, o fungo está á espera de condicións favorables e estas pódense dar nos próximos días. Débese incrementar a vixilancia e continuar cos labores de xestión da viña que favorezan unha boa circulación do aire arredor dos acios. Se non é suficiente, polo incremento da humidade ao tratarse dun viñedo sensible, existen produtos naturais para limitar a aparición deste fungo.

No caso da flavescencia dourada, Areeiro lembra que a loita fronte a ela é obrigada, pero observou unha carencia de aplicación de medidas por descoñecemento ou falta de costume, co que nalgunhas trampas aínda se captura un número elevado de adultos. Coa vendima próxima non é conveniente aplicar tratamentos insecticidas, pero pódese reducir a poboación instalando trampas amarelas. Tamén é imprescindible o arranque e destrución das viñas afectadas, pensando tanto no viñedo particular como no conxunto da viticultura.

En canto ao mosquito verde, viuse un incremento excepcional de capturas na zona do Salnés, e considérase unha praga secundaria pola existencia de abundante volume de vexetación. Ao estar próxima a vendima, non serían de agardar danos destacables en viñas con menor volume de follas. Respecto á avelaíña da uva, a situación actual non é problemática, e tampouco se recibiu información sobre casos graves. Por último en canto á viña, en moitas parcelas apareceu un secado das marxes das follas e dunha tonalidade máis clara diante da zona necrosada. Seguirase a súa evolución, xa que malia atribuírselle ao mosquito verde, apareceu en viñedos sen capturas deste insecto e son compatibles coa carencia de potasio.

No apartado de árbores froiteiras, lémbrase que na campaña anterior moita colleita foi estragada pola mosca mediterránea da froita: esta semana observáronse caer os primeiros adultos desta especie. En predios con poboacións importantes desta praga o ano pasado, é conveniente actuar xa para reducir a poboación. Entre as medidas, destacan a colocación, mellor fóra das árbores, de trampas con atraentes; a retirada e eliminación da froita picada ou con danos e dos restos de froita da parcela; e a aplicación de tratamentos insecticidas respectando escrupulosamente o prazo de seguridade nas variedades de recolección próxima. Por último, os froitos afectados por fungos de podremia deben ser retirados tanto do solo como das árbores, para evitar que se vaian estendendo e que incrementen o nivel de inóculo para a campaña seguinte.