A Deputación destina 270.000 euros a apoiar as producións e os festivais audiovisuais da provincia

Aproba, por unha banda, a nova liña de axudas “Rías Baixas Acción”, dotada con 105.000 € e, pola outra, o reparto de 165.000 € de achegas para festivais audiovisuais da provincia

05/07/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de 270.000 euros para axudar ao desenvolvementos de novas producións audiovisuais na provincia e  para apoiar a celebración de festivais audiovisuais. O obxectivo, como explicou o presidente provincial, Luis López, é “apoiar ao audiovisual, un sector cun gran potencial na nosa provincia. Temos, ademais, un sólido compromiso coa cultura, o talento e o desenvolvemento desta industria e as súas moitas potencialidades”.

Por unha banda, aprobou “Rías Baixas Acción”, unha liña de achegas de 105.000 euros, 15.000 máis que o pasado ano, para axudar ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais ou obras de animación que melloren a visibilidade e a notoriedade da provincia de Pontevedra. Como novidade, por vez primeira este ano inclúese a posibilidade de apoiar a produción de series con ata 15.000 euros. Unha liña que se une aos ata 25.000 € para o apoio á produción de longametraxes e ata 3.500 € para curtametraxes. Ademais, nos tres casos o patrocinio máximo non poderá exceder o 50% do orzamento total do proxecto.

Para poder acceder a estas axudas é imprescindible que as producións audiovisuais cumpran unha serie de requisitos. Desta maneira, a rodaxe deberá realizarse en lingua galega, unha porcentaxe de, como mínimo, o 50% debe rodarse en escenarios da provincia de Pontevedra, que deben ser espazos recoñecibles como parte do patrimonio material, inmaterial, natural, social ou histórico, e o período de realización deberá comezar este ano e a produción audiovisual rematar antes do 30 de setembro de 2025. O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación das bases no BOPPO e rematará o 30 de agosto de 2024.

Pola outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde ao reparto de 165.000 euros para a celebración de festivais audiovisuais. En total, concédense axudas a seis citas da provincia. Desta maneira, o Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) recibirá 36.775 €; o XXI Festival de Cans 2024 35.000 €; outros 35.000 € para a edición número 20 do Play-Doc Festival Internacional de Cine e Documental de Tui; 22.953 € para a 9ª Edición do festival de cinema de Pontevedra: Novos Cinemas; 17.770 € para o Curtas Festival do Imaxinario 2024, e 17.500 € para a 8ª edición do Galician Freaky Film Fest.