A Deputación pon en marcha o novo circuíto “+Escénicas”, dotado con 175.000 euros para levar as artes escénicas a toda a provincia
Ten por obxectivo apoiar a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes poñendo á súa disposición espectáculos de artes escénicas en galego
05/07/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases de “+Escénicas”, un novo circuíto cultural dotado con 175.000 euros para apoiar a programación de artes escénicas en galego nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia ao longo deste ano. Deste xeito, esta iniciativa porá a disposición dos municipios un catálogo de espectáculos de artes escénicas de compañías e artistas da provincia e do resto de Galicia, que contará con dúas modalidades, “+Teatro” e “+Danza”.
“A cultura é un dos nosos eixes prioritarios –asegurou o presidente provincial, Luis López- e queremos, e debemos, contribuír á programación cultural estable en todos os concellos da provincia, independentemente do seu tamaño, favorecendo así o acceso á cultura por parte de todos os públicos”. Con este novo circuíto, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos.
Ao abeiro de “+Escénicas” a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e poderá solicitar un máximo de tres espectáculos. O cofinanciamento dependerá do tamaño do concello: ata 5.000 habitantes, a Deputación aportará ata un 90% e o concello o 10% restante; naqueles de 5.000 a 10.000 habitantes a proporción será do 80% - 20%, e nos que teñan entre 10.000 e 20.000 será do 70% - 30%.
Entre o 10 e o 24 de xullo abrirase o prazo para que as compañías poidan inscribir os seus espectáculos no catálogo “+Escénicas” (cun caché que non poderá superar os 4.500 €), e entre o 2 e o 16 de setembro os concellos poderán presentar solicitudes de espectáculos, que deberán desenvolverse entre o 15 de outubro de 2024 e o 31 de marzo de 2025. Unha vez configurado o catálogo, cada ano abrirase un prazo do 1 ao 28 de febreiro para que as compañías poderán solicitar a inscrición, baixa ou modificación dos seus datos no mesmo.