A Deputación ten aberto ata o próximo venres 22 de marzo o prazo para solicitar achegas do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas

O plan está dotado cun orzamento de 4 millóns de euros para que os concellos de menos de 50.000 habitantes destinen recursos para construír e mellorar instalacións deportivas ou adquirir novos equipamentos

14/03/2024

Últimos días para que os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan solicitar achegas para construír e mellorar instalacións deportivas ou adquirir novos equipamentos ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas. Desta maneira, ata o vindeiro 22 de marzo aínda é posible remitir os proxectos para beneficiarse deste programa de apoio aos concellos pensado para construír novas instalacións deportivas, mellorar as existentes, adquirir terreos para uso deportivo ou comprar equipamentos ou material.

O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas ascende a 4 millóns de euros, aos que poden optar todos os concellos da provincia agás Pontevedra e Vigo, que se rexen por convenios específicos. A repartición de fondos atende a dous criterios. Por un lado, haberá unha porcentaxe fixa dotada con 1,2 millóns de euros que se distribuirá entre todos os beneficiarios; por outro, unha parte variable dotada con 2,8 millóns de euros que se repartirá en función da poboación de cada concello solicitante. Os beneficiarios deberán presentar proxectos con orzamentos superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000 euros.

En concreto, o plan estrutúrase en catro liñas de actuación e os concellos poden aspirar á que máis se adapte o seu proxecto. O primeiro punto está relacionado coa construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, incluídas as cubertas destes; o segundo céntrase na modernización, remodelación e mellora de instalacións deportivas; o terceiro destínase á dotación de equipamento ou material deportivo para este tipo de instalacións; mentres que o cuarto está pensado para a adquisición de terreos destinados para uso deportivo.

Ata o de agora, a Deputación aprobou xa a concesión de achegas a catro concellos da provincia (Poio, Barro, Pazos de Borbén e Redondela), mobilizando desta maneira preto de 300.000 euros dos 4 millóns de orzamento total dispoñible no marco deste Plan extraordinario de infraestruturas deportivas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.