Luis López informa de que a Deputación destinará preto de 220.000 euros para que Cangas e Salceda de Caselas modernicen instalacións deportivas municipais
Con estas achegas provinciais Cangas mellorará a iluminación exterior no estadio municipal de atletismo e Salceda de Caselas afrontará a terceira fase das obras de mellora das piscinas municipais
22/03/2024
A Deputación acaba de aprobar na Xunta de Goberno axudas para Cangas e Salceda de Caselas ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas por un importe total próximo aos 220.000 euros. Ata o momento, o Goberno provincial xa mobilizou preto de 620.000 euros dos 4 millóns de orzamento total do plan, que se abriu a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Polo de agora aprobáronse recursos para Pazos de Borbén, Barro, Cerdedo-Cotobade, Redondela, Poio, Arbo, Crecente, Cangas e Salceda de Caselas.
O Concello de Cangas recibe 151.286 euros para mellorar a iluminación exterior no estadio municipal de atletismo. En concreto, substituiranse os proxectores existentes nas torres de iluminación por uns novos con tecnoloxía LED, de cara a mellorar a eficiencia enerxética e a iluminación actual das pistas, insuficiente para os adestramentos dos clubs que practican a diario diferentes especialidades vinculadas ao atletismo, tanto locais coma da contorna.
Pola súa parte, Salceda de Caselas contará con 66.593 euros para afrontar a terceira fase das obras de mellora das piscinas municipais, que se suman aos 73.352 euros xa aprobados ao abeiro do Plan +Provincia para sufragar a achega municipal do proxecto, polo que as obras estarán financiadas ao 100 % pola Deputación. Neste caso, instalarase un novo sistema de desinfección por raios ultravioleta, co fin de mellorar a hixiene, reducir consumos e mantementos e aumentar a eficiencia da instalación. Ademais, reformarase a arqueta na que se atopa o tubo de desaugadoiro xeral e realizaranse outras melloras, coma a ampliación do corredor de acceso, a reparación e o nivelado das escaleiras, a ampliación da porta de entrada ou a instalación de ventilación mecánica, de protección contra incendios ou dun cadro eléctrico novo, entre outras.