A Deputación leva ata Salvaterra a mostra “Cines de Pontevedra”, na que recupera a memoria e a ilusión das antigas salas da provincia

Os deputados provinciais Jorge Cubela e Nava Castro inauguran a exposición este xoves, 5 de setembro, ás 12:30 horas na Casa do Conde do Museo da Ciencia do Viño, e poderá visitarse ata o 29 de setembro

04/09/2024

Despois de estar exposta no vestíbulo do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra durante o pasado mes de agosto, a mostra “Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión” comeza a súa viaxe pola provincia cunha primeira parada en Salvaterra de Miño, onde poderá visitarse na Casa do Conde do Museo da Ciencia do Viño. A inauguración terá lugar o propio xoves ás 12:30  horas, e nela participarán os deputados provinciais Jorge Cubela e Nava Castro.

A mostra, promovida pola propia institución provincial, busca recuperar os recordos dos vellos cines, daqueles de sala única que se espallaron ao longo do século XX polas cidades, vilas e localidades da provincia e que, salvo contadas excepcións, pertencen xa ao pasado. Desta maneira, recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio, e tamén a máis barata. Ademais de restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, as vivencias arredor do espectáculo do cine subsisten na memoria e nos recordos das últimas xeracións que coñeceron aqueles tempos. Deste xeito, o proxecto complétase coas memorias e vivencias de persoas da provincia, un traballo para o que se realizaron máis de 500 enquisas.

Despois do seu paso por Salvaterra, onde se poderá visitar na Casa do Conde ata o 29 de setembro, de xoves a domingo en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, a exposición continuará o seu percorrido polos concellos da provincia con paradas na Estrada, no mes de outubro, e Sanxenxo, a continuación, para rematar o ano na Sede de Vigo da Deputación.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.