A Deputación aproba nun pleno extraordinario as bases do segundo Plan de Infraestruturas Deportivas e o Plan Extra, que pon 43 M€ a disposición dos concellos da provincia

Estes programas, dotados con 35 millóns no caso do Plan Extra e 8 millóns, no de Infraestruturas Deportivas; servirán para executar proxectos estratéxicos e mellorar os servizos á veciñanza nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

18/10/2024

O pleno da Deputación de Pontevedra, en sesión extraordinaria, deu luz verde este venres as bases dos novos programas de cooperación cos concellos deseñados polo goberno provincial e que levan o nome de Plan Provincia Extraordinaria, o Plan Extra; e a segunda edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotados con 35 e 8 millóns de euros respectivamente. Do mesmo xeito, a sesión serviu para aprobar unha modificación de crédito de 43 millóns de euros que servirá para financiar os devanditos plans de investimento nos concellos de menos de 50.000 habitantes.

A modificación de crédito, presentada polo voceiro do goberno provincial Jorge Cubela e aprobada por unanimidade, foi o primeiro dos tres asuntos que constaban na orde do día deste pleno extraordinario. Un expediente que inclúe créditos extraordinarios por importe de 35 millóns de euros, cos que se financia o Plan Extra; e suplementos de créditos por valor de 8 millóns de euros para dotar de fondos ao segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Estes recursos proceden, no caso do crédito extraordinario, da liquidación definitiva do 2022 da Participación nos Ingresos do Estado (28,7 M€) e cunha parte das maiores entregas a conta da Participación nos Ingresos do Estado deste ano 2024 (6,2M€). Mentres que a dotación dos suplementos de créditos proceden dos maiores ingresos correspondentes a da liquidación definitiva de 2022 da Participación nos Tributos do Estado (4,6M€), con parte das maiores entregas a conta da Participación nos Ingresos do Estado do 2024 sobre as previstas (1,2M€) e con parte do importe correspondente a Liquidación negativa de 2020 que foi compensada polo Estado (2,1M€). Un expediente que saíu adiante cos votos favorables do , mentres que os grupos da oposición votaron en contra.

A continuación, a deputada responsable da área de Cooperación Local, María Ramallo, encargouse de explicar o contido das bases dos plans Provincia Extraordinaria e de Infraestruturas Deportivas. O segundo foi aprobado por unanimidade, mentres que o primeiro saíu adiante pola maioría de votos favorables do grupo popular, porque os grupos da oposición, PSOE e BNG, optaron pola abstención. O plan Extra ten como obxecto subvencionar investimentos relacionados coa construción de novas infraestruturas públicas ou equipamentos, a rehabilitación de infraestruturas existentes, a mellora ou humanización de espazos públicos urbanos ou naturais, así como actuación que fomenten a recollida separada de residuos de orixe doméstica mediante a adquisición de vehículos, contedores ou outros elementos. O plan está dotado con 35 millóns de euros que serán repartidos entre os 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes en réxime de concorrencia competitiva, valorando criterios obxectivos como a poboación, a superficie, o número de núcleos de poboación e o envellecemento da poboación; e criterios subxectivos como a calidade do proxecto ou o carácter estratéxico do investimento.

Neste sentido, cada Concello só poderá presentar un proxecto e, en función da súa poboación recibirá entre 0,5 e 1,1 millóns de euros. Así, os que teñan menos de 5.000 habitantes recibirán ata 500.000 euros, que servirán para financiar ata o 85 % do orzamento, mentres que o 15 % restante deberao achegar o Concello con fondos propios ou con recursos doutros plans da Deputación ou doutra administración. No caso dos concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes recibirán un máximo de 700.000 para financiar o 80 % do custo, os de 10.001 a 20.000 habitantes, ata 900.000 euros para o 75 % do importe total; e os de máis de 20.000 habitantes, ata 1,1 millóns de euros polo 70 % do investimento global. Os concellos dispoñen do prazo dun mes a acontar desde a publicación das bases para solicitar a subvención.

Finalmente, foron expostas tamén as bases da segunda edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para municipios de menos de 50.000 habitantes, que eleva a súa contía desde os 4 ata os 8 millóns de euros e a aportación mínima da parte fixa aos concellos desde os 20.000 euros ata os 75.000 euros. O obxecto deste plan volve ser o de subvencionar proxectos municipais para a construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, a modernización de instalacións existentes, a dotación de equipamentos ou a adquisición de terreos para uso deportivo. No caso das obras, o importe mínimo do orzamento ha de ser superior aos 20.000 euros, mentres que, no caso das subministracións será dun mínimo de 6.000 euros. Ademais, cada Concello poderá presentar máis dun proxecto.

As subvencións deste segundo plan volveranse outorgar polo procedemento de concorrencia non competitiva entre os concellos que presenten a súa correspondente solicitude. O reparto realizarase a través dunha parte fixa e outra variable en función da súa poboación. A parte fixa supón o 55,31 % do orzamento total e acada os 4,42 M€, mentres que a variable cobre o 44,69 % cun importe de 3.57 M€. Cada Concello coñecerá a cantidade concreta que lle corresponde no prazo de dez días hábiles a contar desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e dispoñerán dun prazo de tres meses para facer chegar as súas solicitudes á Deputación. Ademais, estas axudas son compatibles con outros plans de investimento do organismo provincial ou doutras administracións. 

Galerias de imagenes

audios