A Deputación amplía ata o 24 de maio as visitas á exposición “A chambra. O cuarto do lado”, de Joan Morera, que acolle a Sede de Vigo

O artista vigués afonda nesta instalación audiovisual a historia das mulleres emigrantes española en Francia durante os anos sesenta e setenta

25/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de ampliar ata o vindeiro 24 de maio a mostra “A chambra. O Cuarto do lado”, do vigués Joan Morera, que se pode visitar na sala Maruja Mallo da Sede de Vigo. A exposición, que está aberta a toda a cidadanía e é de acceso gratuíto, presenta unha instalación audiovisual que afonda na vida das mulleres emigrantes españolas en Francia nas décadas dos anos 60 e 70.

A exposición presenta seis entrevistas inéditas gravadas entre Francia, Galicia e Euskadi e realizadas dentro do proxecto “Conchita et nous”, que se aproxima á historia das mulleres emigrantes españolas en Francia, fundamentalmente en París, durante os anos sesenta e setenta. O núcleo deste traballo, que se levou a cabo grazas a residencias artísticas en París e Bilbao, céntrase nas chamadas “Conchitas”, empregadas do fogar ou bonne à tout faire (literalmente, “boa para todo”). Precisamente, “chambra” é a castelanización da palabra francesa chambre, que significa “cuarto”, habitualmente usada na xerga pola comunidade española en Francia.

Joan Morera (Vigo, 1984) é artista, investigador e doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Realizou unha estancia de investigación en Bos Aires, no Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA) e participou en residencias artísticas coma La Pinguela, en Oberá (Arxentina), así como en diferentes institucións públicas e privadas. En liñas xerais, traballa sobre a memoria, as migracións e a construción da paisaxe contemporánea a través de diferentes formatos e soportes documentais, explorando, entre outros, a fotografía, a escultura, o debuxo ou o vídeo.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.