A Sede de Vigo da Deputación abre este xoves 14 de marzo A “chambra”. O cuarto do lado, unha mostra do artista Joan Morera
A mostra, que se poderá visitar ata o 30 de abril, inaugurarase cunha charla-presentación do propio Morera acompañado da artista multidisciplinar Carme Nogueira
12/03/2024
A Sala Maruja Mallo da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo abre este xoves, 14 de marzo, A “chambra”. O cuarto do lado, do artista vigués Joan Morera. A mostra, que estará aberta a toda a cidadanía ata o 30 de abril e será de acceso gratuíto, inaugurarase cunha charla-presentación do propio Morera acompañado da artista multidisciplinar Carme Nogueira.
Trátase dunha instalación audiovisual integrada por seis entrevistas inéditas gravadas entre Francia, Galicia e Euskadi e realizadas dentro do proxecto “Conchita et nous”, que se aproxima á historia das mulleres emigrantes españolas en Francia, fundamentalmente en París, durante os anos sesenta e setenta. O núcleo deste traballo, que se levou a cabo grazas a residencias artísticas en París e Bilbao, céntrase nas chamadas “Conchitas”, empregadas do fogar ou bonne à tout faire (literalmente, “boa para todo”). Precisamente, “chambra” é a castelanización da palabra francesa chambre, que significa “cuarto”, habitualmente usada na xerga pola comunidade española en Francia. Ademais das gravacións audiovisuais, preséntanse diversos formatos, coma a fotografía, a serigrafía e a escultura.
Joan Morera (Vigo, 1984) é artista, investigador e doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Realizou unha estancia de investigación en Bos Aires, no Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA), e participou en residencias artísticas coma La Pinguela, en Oberá (Arxentina), así como en diferentes institucións públicas e privadas. En liñas xerais, traballa sobre a memoria, as migracións e a construción da paisaxe contemporánea a través de diferentes formatos e soportes documentais, explorando, entre outros, a fotografía, a escultura, o debuxo ou o vídeo.