Luis López adianta ao alcalde de Cuntis unha achega de preto de 200.000 € do +Provincia para mellorar os accesos aos núcleos de Vilariño, Noval e Mesego

O presidente da Deputación mantén unha reunión de traballo co rexedor Manuel Campos, na que lle informou dun apoio valorado en máis dun millón euros para mellorar os servizos e infraestruturas do Concello a través de diversos programas provinciais

29/05/2024

Reunión de Luis Lóez co alcalde de Cuntis

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou ao alcalde de Cuntis, Manuel Campos, a aprobación na vindeira Xunta de goberno do ente provincial deste venres dunha subvención de 196.650 euros ao abeiro do programa +Provincia para a mellora da capa de rodaxe das estradas de acceso aos núcleos de Vilariño e Noval, así como ao de Mesego. Nun encontro de traballo que tivo lugar este mércores no despacho presidencial do Pazo Provincial, López e Campos repasaron outros investimentos previstos pola Deputación neste Concello e abordaron asuntos de interese mutuo para as dúas administracións.

Neste sentido, o titular do executivo provincial informou ao rexedor dos fondos que lle corresponde ao Concello de Cuntis do programa +Provincia, que ascenden a 668.700 euros, 45.400 máis do recibido o ano anterior, o que supón un incremento do 7,8 %. Unha parte destes recursos, 120.100 euros, as destinará o goberno local á contratación de 11 persoas ao abeiro da Liña 3 de fomento do emprego do + Provincia. Así mesmo, o Concello percibirá pola Liña 2 de apoio ao gasto corrente uns 52.000 euros e, pola Liña 4 de redacción de proxectos transformadores, ten asignado 15.600 euros.

No tocante á Liña 1 de investimentos, Cuntis dispón dun Orzamento de 438.000 euros que destinará, ademais da mellora dos accesos aos citados núcleos, a outros proxectos para os que solicitou financiación á Deputación como a subminitración de colectores de lixo (10.870 €), a mellora do alumeado público no Concello (15.640 €), a mellora do camiño de acceso a Calvos (20.000 €) e a colaboración na financiación da mellora da calidade urbana na rúa Bernardo Sagasta, unha obra para a que solicitan unha subvención de 128.000€; ou para o plan de mellora de camiños rurais, para o que demandan 15.600 euros. “Cuntis recibe 45.000 euros máis que no ano 2023 porque Incrementamos o +Provincia nunha contía moi importante e porque introducimos no reparto un criterio de reto demográfico polo que damos máis fondos aos concellos que presentan perda de poboación e envellecemento e Cuntis é un claro exemplo”, explicou López.

O Concello de Cuntis tamén se beneficia de fondos doutro programa provincial como é o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, do que recibirá uns 43.000 euros que destinará a mellorar a accesibilidade do pavillón municipal.

A reunión, que se encadra dentro da aposta do goberno de Luis López de tender pontes con todos os concellos da provincia, serviu tamén para repasar outros proxectos en marcha neste Concello. Un deles é a mellora da estrada EP-8404 entre Piñeiros e Arcos, que visitou hai uns días a deputada de Infraestruturas Isabel Couselo, na que a Deputación inviste 400.000 euros. Neste sentido, o presidente valorou positivamente o “ambiente e a colaboración para traballar nos proxectos deste ano e de futuro” e recoñeceu estar “abertos a calquera aportación porque os alcaldes son os que mellor coñecen as necesidades dos concellos”, rematou.

 

audios