O estudo arqueolóxico e histórico-artístico sobre Santa Clara será o maior e máis completo da súa natureza na historia de Pontevedra

Analizaranse os 15.417 metros cadrados do complexo cunha equipa multidisciplinar formada por 20 persoas

26/02/2022

Santa Clara

O estudo arqueolóxico e histórico que o Museo de Pontevedra fará sobre as instalacións do Convento de Santa Clara será o maior e máis completo da súa natureza que se leva feito en Pontevedra ata o momento. Analizaranse 15.417 metros cadrados de superficie do complexo conventual grazas a un amplo equipo de traballo multidisciplinar que estará formado por 20 persoas, entre as que haberá arqueólogas, restauradoras, antropólogas, historiadoras, documentalistas e outro persoal técnico.

A contratación da asistencia técnica para facer o estudo foi aprobada en Xunta de Goberno da Deputación este venres. O contrato ten un orzamento de 286.072,19 euros e un prazo final de execución de seis meses, mais a empresa adxudicataria terá que ir dando conta dos traballos de campo e documentais en entregas parciais para que, de maneira paralela, o Museo poida avanzar no deseño dun plan funcional para o futuro edificio provincial.

Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, o estudo que se fará sobre Santa Clara para recoñecer a súa evolución histórica e arquitectónica –e servir de base ao proxecto de rehabilitación da edificación e recuperación dos espazos exteriores- será dos máis “extensos, completos e intensos dos que se teñen coñecemento en Pontevedra para analizar os nosos bens patrimoniais”.

“Quérense coñecer de maneira pormenorizada as posibilidades que oferta o conxunto, polo que estase a facer o máximo esforzo económico e de xestión. Santa Clara meréceo. Nunca fora estudada e é preciso coñecer e analizar dun só golpe todo o seu interior porque estivo pechada centos de anos. Todos os esforzos serán ben empregados”, subliñou o nacionalista.

Entre os traballos a realizar inclúese a investigación e documentación desde o punto de vista histórico-artístico da evolución do conxunto conventual desde as súas orixes ata a actualidade, así como a caracterización das súas fases construtivas. Tamén se vai realizar unha lectura estratigráfica dos paramentos das edificacións coa finalidade de recoñecer os diferentes episodios construtivos-destrutivos desenvolvidos ao longo dos máis de 750 anos de historia do convento, e avaliar a potencialidade arqueolóxica deste ámbito do borde do conxunto histórico de Pontevedra que sufriu poucas transformacións desde a Idade Media ata a actualidade.

Así mesmo, obterase unha lectura clara do subsolo para a redacción e posterior execución do proxecto de rehabilitación do convento, e complementaranse os traballos de lectura de alzados e estudo histórico-artístico con datos arqueolóxicos, xa que se pretende evitar que as futuras obras de rehabilitación do ben causen afeccións sobre estruturas arqueolóxicas que poidan existir na área a intervir.

Oportunidade “vizosa para reconstruír ou ampliar”

Segundo o Museo explica no informe proposta do estudo, a Deputación amósase interesada en testar as posibilidades de dedicar o amplo recinto conventual a albergar a sede dun novo edificio “para ampliar a súa rede museística e contribuír de xeito sobranceiro a paliar as necesidades, os déficits e disfuncións dos inmobles actuais”.

“Considérase –di o expediente- unha oportunidade vizosa a de avaliar a posibilidade de rehabilitación mesmo con parcial reconstrución ou ampliación, de ser o caso, do recinto conventual para destinalo a usos museísticos, plenamente compatíbeis non só cos seus valores orixinais, coa protección do patrimonio cultural e co seu uso dotacional, senón tamén co propósito municipal de dedicar a horta e os espazos non edificados do recinto conventual a outros usos públicos de goce pola cidadanía”.

Apúntase no documento que a avaliación que resulte dos traballos “axuizaría tamén, e de xeito particular, a posibilidade de dedicar parte do recinto á xestión integral da colección arqueolóxica do Museo de Pontevedra”, facendo innecesaria a construción dun novo edificio arqueolóxico no lugar de Valdecorvos e rebaixando ou substituíndo parte da superficie inicial a habilitar no subsolo do viario intersticial dos edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López, “necesidades compensadas pola superficie de Santa Clara”.

documentos