Concello e Deputación asinan a cesión de Santa Clara, que pasa a formar parte do Museo de Pontevedra

A xestión de Santa Clara e todo o proceso de musealización e rehabilitación que se fará deste emblemático espazo pontevedrés pasa ás mans da Deputación de Pontevedra. Concello e Deputación así o deixaron por escrito esta mañá de martes, 3 de xaneiro, nunha xornada histórica para o antigo convento, coa que comeza un novo capítulo, xa como equipamento do Museo de Pontevedra.

03/01/2023

Cesión Convento Santa Clara

O acto da sinatura realizada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, foi seguido dunha entrega de case unha decena de chaves que abren diferentes estancias de Santa Clara. O vicepresidente da Deputación tamén estivo presente durante este intre, ao igual que o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, o secretario da Deputación, Carlos Cuadrado Romay, o concelleiro de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, e a xefa de xestión administrativa do Museo, Sonia Mateos.

Alcalde e presidenta da Deputación asinan o convenio que indica a cesión do equipamento.

O vicepresidente Mosquera amosouse satisfeito da rapidez e efectividade na que se fixeron os trámites para a cesión de Santa Clara do Concello á Deputación. Lembrou que xa nos anos 70 e 80 nos círculos culturais da cidade se pensaba que incorporar o convento ao Museo de Pontevedra sería o ideal, «un soño». 

«Tiveron que pasar 50 anos —dixo—, mais é xa unha realidade. Pola miña parte, tiven a sorte de que me tocara como responsable do Museo e integrante do Goberno de Pontevedra xestionar algo que creo era unha ilusión, un anceio, unha utopía. Comprenderedes de que estou francamente contento e síntome afortunado de estar nestes momentos na situación e nos cargos nos que estou», subliñou.

Lembrou que nestes momentos o Museo está xa a realizar actividades, estudos e ten trámites en marcha para a rehabilitación do inmoble, principalmente o concurso internacional de proxectos.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que este é «un día transcendental para o Museo de Pontevedra, para a cidade, a provincia e para toda Galicia», que, ademais, formará parte «desta longa historia do Convento de Santa Clara». Por iso quixo mostrar a súa satisfacción por ter acadado este acordo co Concello de Pontevedra, que servira «para ampliar o Museo Provincial e convertelo, máis se cabe, na grande referencia de todos os museos de Galicia». 

«Hoxe deberían tocar as campás de Santa Clara como acto simbólico porque é un gran día, un día histórico», asegurou, ao tempo que recoñeceu a labor de «todas as persoas do Concello e da Deputación» que conseguiron que «isto fose unha realidade».

O alcalde, Miguel Anxo Fernández, pola súa banda, indicou que o antigo convento «queda nas mellores mans posíbeis», ao ser esta sinatura un chanzo máis na idea de ver o Museo de Pontevedra «como o gran museo de Galiza, que xa o é». O alcalde lembrou que a compra de Santa Clara foi a maior operación urbanística desde o século pasado, sendo un investimento «importantísimo» ao respecto do eido cultural.

«Isto será un pulo incríbel para o Museo de cara ao futuro. Só podemos sentir alegría. É un día histórico e estou absolutamente satisfeito de poder estar presente o día de hoxe», finalizou o rexedor.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.