A comarca de Pontevedra recibe axudas para conservar o cruceiro de Outeda en Barro, para sinalizar puntos de interese arqueolóxico en Campo Lameiro e para o lavadoiro de Castro do Medio en Cerdedo-Cotobade

En Poio melloraranse sinalizacións en Combarro e en A Lama restaurarase o lavadoiro de Perdiz

05/01/2023

Laxe Rotea en Campo Lameiro

O departamento de Patrimonio da Deputación vai repartir 380.792,89 euros en axudas para proxectos de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural en toda a provincia. En total financiaranse 53 actuacións de posta en valor da riqueza patrimonial en concellos de todas as comarcas mediante a súa recuperación e mellora.

 Inicialmente a partida inicialmente destinada ás subvencións ascendía a 300.000 euros, mais incrementouse en case 81.000 euros co fin de financiar a maioría das actuacións na súa meirande parte.  No caso da comarca de Pontevedra, as axudas chegan a cinco concellos e por unha contía de máis de 35.000 euros. Barro recibe 8.946,38 euros (o 55,28% do solicitado), Campo Lameiro 2.966,87 (88,84%), Cerdedo Cotobade 7.273,36 euros (100%), A Lama 8.989,80 euros (60,34%) e Poio obtén a totalidade do subvencionable por valor de 7.177,72 euros.

Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega,  desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta estas liñas de subvencións que pretenden a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico.

No caso de Poio, a axuda estará destinada á sinalización de lugares de interese patrimonial no núcleo de Combarro.  A actuación consistirá na instalación de sete paneis na Praza da Rualeira, na Praza do Peirao, na Rúa do Mar, na Praza da Chousa, na Casa do Campo, na Praza de San Roque, e no Paseo das Redeiras, achegando información centrada no uso tradicional destes lugares e con referencias aos cruceiros e hórreos de Combarro, con fotografías antigas do Museo de Pontevedra. Tamén se actualizará o plano no panel de tres caras da Praza da Chousa, cunha proposta de roteiro e a sinalización de todos os puntos de interese do mesmo. Finalmente, tamén se mellorarán os contidos da páxina web do concello en referencia a Combarro, sendo accesibles a través de códigos QR nos paneis instalados.

Pola súa banda, no concello de Barro mellorarase o Cruceiro de Outeda, situado na parroquia de Santa María de Curro, que na actualidade está amarrado por dous cables ao chan que evitan a súa caída cara o norte. A peza xa sufriu varias intervencións, tendo xa presenza de cemento na unión da cruz co capitel, entre os banzos e tamén no pedestal, presentando certa viraxe dos seus volumes. O Concello de Barro sacou a concurso a redacción do plan de restauración e conservación pola preocupación dunha posible caída debido a obras de tendido eléctrico próximas ao cruceiro. A intención é identificar as alteracións, estabilizalo con urxencia, aportar o coñecemento do ben, e mellorar a súa instalación. Para iso será preciso desmontalo na súa totalidade para despois limpar, fixar policromías (se aparecesen), consolidalo, adherir elementos e reintegrar os anacos inexistentes, así como instalalo e protexelo fronte a futuros impactos.

No caso de Campo Lameiro, búscase mellorar a información con paneis de gran formato sobre áreas arqueolóxicas de grande interese e potencial turístico: os petróglifos de Metabois, os de Chan de Lagoa, de Castro de Penalba e Pedra da Serpe, así como o petróglifo da laxe da Rotea de Mendo, unha das maiores representacións dun certo de todo Galiza, moi coñecido e valorado tanto a nivel de investigación como da veciñanza. Todos os paneis contarán cun mapa que remita ás outras áreas visitables.

En A Lama, as actuacións para as que se solicitou axuda do departamento para a mellora do patrimonio sitúanse no lavadoiro da Perdiz, no lugar de nome homónimo dentro da parroquia de Covelo. O obx3ectivo non é só evitar a perda definitiva de elementos etnográficos, senón tamén “unha perda da identidade, do carácter orixinal e do valor histórico artístico e etnográfico dos diferentes elementos do patrimonio municipal por obras inadecuadas pola súa execución ou os materiais empregados”. Neste caso en décadas atrás, construíuse o lavadoiro con bloques prefabricados revestidos de cemento, cunha cubrición con viguetas e unha chapa de fibrocemento que non harmonizan coa contorna.  A intención é un acondicionamento, executando un novo lavadoiro das mesmas medidas e forma en pedra.

Finalmente, o concello de Cerdedo Cotobade quere realizar unha mellora e “embelecemento” do conxunto de lavadoiro e fonte de castro do medio, corrixindo a súa accesibilidade instalando un pavimento duro para o acceso, xa que o actual de terra ten moita pendente e está permanentemente asolagado polas chuvias. Tamén se pretende instalar un novo pavimento de lastros de pedra.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.