A Deputación organiza este domingo unha ruta ornitolóxica polos campos e lagoas de Rouxique, en Sanxenxo

Trátase do sexto percorrido do programa Voando nas Rías Baixas, impulsado pola institución provincial da man de SEO/BirdLife para observar as aves que se atopan neste espazo do Salnés

26/09/2024

A Deputación de Pontevedra leva este domingo ata Sanxenxo o programa provincial “Voando nas Rías Baixas”. A sexta ruta ornitolóxica, que organiza o organismo da man de SEO/BirdLife e que esgotou nunhas horas a totalidade de prazas ofertadas, permitirá observar as aves que habitan nos campos e lagoas de Rouxique.

As lagoas de Rouxique son un espazo protexido pola Rede Natura 2000 no que conviven os campos de labranza coas antigas lagoas de extracción de barro. No outono, nesta ruta destacan os pasos migratorios de paxaros coma o chasco norteño, o papamoscas negro ou o picafollas musical. Tamén é posible ver aves acuáticas das lagoas (coma o pato frisado, o rabilongo, o asubión, o cullerete, etc.), a galiñola negra ou o mergullón pequeno, algunhas aves rapaces coma o lagarteiro común ou a tartaraña das xunqueiras, e os cullereiros, garzas e gran variedade de limícolas da contorna.

O programa Voando nas Rías Baixas contempla en 2024, ademais dos cinco percorridos xa realizados e este polos campos e lagoas de Rouxique, unha última ruta ornitolóxica por outro espazo da provincia de alto valor ecolóxico e protexido pola Rede Natura 200. Será o 17 de novembro no esteiro do río Miño (A Guarda) para o que se abrirá a inscrición o 4 de novembro ás 9 da mañá.