A Deputación esgota en seis minutos as prazas da actividade de “Voando nas Rías Baixas” na Lanzada

A ruta impulsada da man de SEO/BirdLife celebrarase o 23 de xuño e permitirá observar aves na contorna da praia, entre os concellos do Grove e Sanxenxo

10/06/2024

A Deputación de Pontevedra conseguiu esgotar este luns en seis minutos todas as 25 prazas dispoñibles para participar na quinta ruta ornitolóxica do programa “Voando nas Rías Baixas”. Esta nova actividade, impulsada pola institución provincial da man de Seo/BirdLife, celebrarase o domingo 23 de xuño na contorna da praia da Lanzada, nos concellos do Grove e Sanxenxo. Ademais da lista de participantes, a institución provincial tamén pechou en pouco máis dunha hora a lista de agarda das persoas que serán chamadas a participar no caso de que algunha das inscritas non poida asistir.

A praia da Lanzada é un dos últimos redutos da provincia de Pontevedra onde nidifica a píllara das dunas, unha ave que se enfronta a un risco moi alto de extinción. Grazas a esta actividade de observación, as persoas participantes poderán ver os niños, protexidos con gaiolas e balizas, e as familias de píllaras cos seus paxariños corricando pola area. Ademais, tamén se explicará ás persoas participantes os problemas aos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos areais das Rías Baixas.

O percorrido será ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, e inclúe o desprazamento en autobús para a visita da zona na que ten lugar a actividade. As persoas participantes deberán levar roupa cómoda e calzado apropiado, e terán á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, recibirán cadansúa guía.

O programa “Voando nas Rías Baixas” retomará a súa actividade despois do verán coas últimas dúas rutas ornitolóxicas organizadas este ano por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000: en setembro nas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e, en novembro, no esteiro do río Miño (A Guarda).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.