A Deputación abre o prazo de inscrición para a cuarta ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas”

As Brañas de Xestoso serán o escenario deste novo roteiro guiado e gratuíto que se desenvolverá nos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada o vindeiro 21 de maio

08/05/2023

A Deputación de Pontevedra abre este luns 8 de maio, o prazo de inscrición para a cuarta das rutas ornitolóxicas programadas dentro da sexta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución en colaboración con SEO Bridlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 21 de maio, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística das Brañas de Xestoso, nos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada. Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse desde hoxe na páxina web da Deputación (www.depo.gal).

As Brañas de Xestoso son un espazo declarado Zona de Especial Conservación, protexido pola Rede Natura 2000, e cunha estupenda representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas coma brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueiras baixas, rochedos, carballeiras e a Lagoa Sacra de Olives. Nos meses de primavera estes diferentes ecosistemas son os hábitats ideais para observar e escoitar escribentas amarelas e riscadas, lavercas, tordos charlos, trigueiróns ou especies migratorias procedentes de África, coma os picanzos vermellos, as picas das árbores, o cuco o a bubela. Así mesmo, é un magnifico lugar para as rapaces, aves tan fermosas coma a tartaraña cincenta, a gatafornela, a aguia cobreira, o miñato abelleiro ou o falcón peregrino, entre outras.

A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as e os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e apropiada para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa propia durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 16 resultados.