A Deputación abre as inscricións para a quinta ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas”

A praia da Lanzada será o enclave da camiñada guiada e gratuíta que se desenvolverá o vindeiro 4 de xuño

22/05/2023

Mirador Siradella

A Deputación de Pontevedra abre desde este luns o prazo de inscrición para a terceira das rutas ornitolóxicas da sexta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 4 de xuño, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística da Praia da Lanzada, nos concellos de Sanxenxo e O Grove. Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada e de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse desde esta mañá na páxina web da Deputación (www.depo.gal ).

A Praia da Lanzada é un dos últimos redutos da nosa provincia onde nidifica a píllara das dunas, unha ave en perigo que se enfronta a un risco moi alto de extinción. Nesta praia, usando telescopios e prismáticos e mantendo unha distancia prudencial, mostraránselles as persoas participantes da xornada os niños protexidos con gaiolas e balizados, e as formas de píllaras cos seus adorables poliños que corrican pola area. Así mesmo, explicaránselles os problemas cos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos nosos areais.

A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as e os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e apropiada para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá a súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha listaxe de aves para que elaboren a súa propia durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.