Esgotadas en minutos as prazas para a ruta de “Voando nas Rías Baixas” nas Brañas de Xestoso
O roteiro da Deputación, guiado e gratuíto, desenvolverase o domingo 21 de maio nos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada
09/05/2023
Na mesma xornada en que se abriu o prazo de inscrición, esgotáronse as prazas para a cuarta das rutas ornitolóxicas programadas nesta sexta edición de “Voando nas Rías Baixas”, que percorrerá as Brañas de Xestoso, organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Bridlife. A ruta terá lugar o domingo 21 de maio para coñecer a riqueza ornitolóxica nos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada e conta xa cunha ampla lista de agarda para o caso en que se produzan vacantes.
O obxectivo deste programa provincial é dar a coñecer os ecosistemas das aves na provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. No caso das Brañas de Xestoso trátase dun espazo declarado Zona de Especial Conservación, protexido pola Rede Natura 2000, e cunha estupenda representación das serras baixas interiores, con diferentes e valiosos habitat ornitolóxicos coma brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueiras baixas, rochedos, carballeiras e a Lagoa Sacra de Olives.
Nestes meses de primavera estes ecosistemas son os lugares ideais para observar e escoitar escribentas amarelas e riscadas, lavercas, tordos charlos, trigueiróns ou especies migratorias procedentes de África, coma os picanzos vermellos, as picas das árbores, o cuco o a bubela. Así mesmo, é un magnifico espazo para as rapaces, aves tan fermosas coma a tartaraña cincenta, a gatafornela, a aguia cobreira, o miñato abelleiro ou o falcón peregrino, entre outras. A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife.