Esta fin de semana 180 persoas participarán nas visitas teatralizadas de Samaín ao castelo de Soutomaior
Ata o 28 de outubro haberá 24 pases, dos cales 16 se dirixen a familias e 8 a persoas adultas. As 720 prazas ofertadas para participar nas quendas das visitas teatralizadas durante este mes de outubro están xa esgotadas
12/10/2023
Tras estrearse a pasada fin de semana coa participación de 180 persoas, as visitas teatralizadas de Samaín ao castelo de Soutomaior regresan este venres 13 de outubro. Ás 20:00 horas terá lugar a visita teatralizada dirixida ao público adulto, que se repetirá tamén o sábado 14 á mesma hora. Pola súa banda, as visitas familiares realizaranse o sábado e domingo 14 e 15 de outubro en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas. Está previsto que participen nas actividades desta fin de semana outras 180 persoas.
Tanto as visitas nocturnas, para público adulto, coma as familiares, dirixidas ás e aos máis pequenos da casa, correrán a cargo da compañía Troula Animación e baséanse na idea de que as e os asistentes “o pasen ben pasándoo mal”. As visitas destinadas ao público adulto terán lugar os venres e os sábados de outubro ás 20:00 horas, e nelas as persoas participantes (idade recomendada a partir dos 16 anos) porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece. Pola súa banda, as dirixidas ao público infantil serán todos os sábados e domingos do mes en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas, e nelas o público gozará dunha historia terrorificamente divertida. En cada sesión participarán 30 persoas.
As restantes propostas no castelo de Soutomaior para este outono tamén están a obter unha grande acollida. Deste xeito, están esgotadas as prazas do obradoiro que o 28 de outubro lles amosará ás familias participantes o máxico mundo do Samaín e as árbores e froitos típicos desta tradición, así como as do magosto previsto para o 4 de novembro, cunha saída polo bosque para recoller castañas e degustalas posteriormente.