Comezan as visitas teatralizadas de Samaín ao Castelo de Soutomaior coas 720 prazas esgotadas
A primeira xornada está dirixida ao público adulto e terá lugar este venres ás 20:00 horas. A primeira visita familiar será o sábado ás 11:30 horas
05/10/2023
Todo listo no Castelo de Soutomaior para as novas visitas teatralizadas de Samaín que comezan, este venres, coas 720 prazas esgotadas. Deste xeito, entre o 6 e o 28 de outubro terán lugar 24 pases dos cales 17 diríxense a familias e 8 a persoas adultas. A primeira xornada das visitas teatralizadas estará dirixida ao público adulto e terá lugar o venres ás 20.00 horas. Pola súa banda, a primeira visita familiar será o sábado, 7 de outubro, ás 11:30 horas.
Tanto as visitas nocturnas, para público adulto, como as familiares, dirixidas aos máis pequenos da casa, estarán a cargo da compañía Troula Animación e baséanse na idea de que os asistentes o pasen ben pasándoo mal. As visitas destinadas ao público adulto terán lugar os venres e os sábados (os días 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28 de outubro) en horario de 20:00 horas, e nelas os participantes (idade recomendada a partir dos 16 anos) porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece. Pola súa banda as dirixidas ao público infantil celebraranse todos os sábados e domingos do mes (os días 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de outubro) en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas, e nelas o público gozará dunha historia terrorificamente divertida. En cada sesión participarán 30 persoas.
As restantes propostas no Castelo de Soutomaior neste outono tamén están a obter un grande acollemento. Deste xeito, están esgotadas as prazas do obradoiro que o 28 de outubro amosará ás familias participantes o máxico mundo do Samaín e as árbores e froitas típicos desta tradición, así como as do magosto previsto para o 4 de novembro, con saída polo bosque para recoller castañas e a posterior degustación.