180 persoas participarán esta fin de semana nas visitas teatralizadas de Samaín ao castelo de Soutomaior
Este ano ofertáronse 24 pases con 720 prazas que están xa esgotadas
19/10/2023
Tras dúas fins de semana “pasándoo ben pasándoo mal” continúan as visitas teatralizadas de Samaín ao castelo de Soutomaior este venres 20 de outubro. Ás 20 horas terá lugar a visita teatralizada dirixida ao público adulto, que se repetirá tamén o sábado 21 á mesma hora. Pola súa banda, as visitas familiares terán lugar o sábado e o domingo 21 e 22 de outubro en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas. Está previsto que participen nas actividades desta fin de semana 180 persoas.
Tanto as visitas nocturnas, para público adulto, coma as familiares, dirixidas ás e aos máis pequenos da casa, estarán a cargo da compañía Troula Animación e baséanse na idea de que os asistentes “o pasen ben pasándoo mal”. As visitas destinadas ao público adulto terán lugar os venres e os sábados de outubro ás 20:00 horas, e nelas as e os participantes (idade recomendada a partir dos 16 anos) porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece. Pola súa banda, as dirixidas ao público infantil realizaranse todos os sábados e domingos do mes en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas, e nelas o público gozará dunha historia terrorificamente divertida. En cada sesión participarán 30 persoas.
As restantes propostas do castelo de Soutomaior para este outono tamén están a obter unha grande acollida. Deste xeito, están esgotadas as prazas do obradoiro que o 28 de outubro lles amosará ás familias participantes o máxico mundo do Samaín e as árbores e froitos típicos desta tradición, así como as do magosto previsto para o 4 de novembro, cunha saída polo bosque para recoller castañas e degustalas posteriormente.