O alumnado do IES Pintor Colmeiro de Silleda denuncia o machismo e a desigualdade co programa “Violencia Zero”

A peza escénica de Beatriz Serén puxo o aceno nas situacións de desigualdade que a mocidade detecta no seu arredor así como na importancia de expresar os sentimentos

01/02/2022

O programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero” chegou esta mañá ao IES Pintor Colmeiro de Silleda da man de Beatriz Serén. A polifacética actriz e presentadora xa traballara previamente durante a semana pasada co alumnado de 3º da ESO do centro para preparar esta acción, de nome “Pel”, na que a rapazada analizou situacións reais de violencia machista e desigualdade que hoxe escenificaron ante algunhas das súas e dos seus compañeiros. Á representación acudiron a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e as concelleiras de Igualdade e Cultura, Ángela Troitiño e Mónica Gónzalez, quen puideron ver unha proposta que avogou pola tolerancia, o respecto, a igualdade, a liberdade e a empatía.

Con esta acción, Beatriz Serén invitou ao alumnado a poñerse na pel das mulleres vítimas da violencia e da desigualdade para ampliar a súa visión, sentimentos e pensamentos. Fíxoo a través de situacións reais e cotiás que as mozas e mozos ven no seu día a día -tanto na vida real coma en pezas audiovisuais- e nas que de xeito máis ou menos explícito as mulleres teñen menos dereitos que os homes. Así, o alumnado reparou en momentos nos que se dan discriminacións á hora de mercar roupa, empregar as cores de xeito sexista nos xoguetes ou considerar que certos deportes están socialmente asociados aos homes.

Deste xeito, tras unha introdución da actriz á acción, o alumnado representou en pequenos grupos estas situacións de xeito verbal mentres que Beatriz Serén tinguía o seu corpo de cor vermella e ía reflexando con expresións e xestos as situacións e sensacións que estaban a narrar as e os estudantes. Foron precisamente as sensacións as que dominaron a aula durante o transcurso de “Pel”, unha acción que tamén serviu ao alumnado para comprender a necesidade de compartir os seus sentimentos.

Tras as actuacións en Pontevedra, Vigo e Moraña esta é a cuarta acción da sétima edición de “Violencia Zero” coa que a Deputación de Pontevedra continuará a expandir a loita feminista noutros vinte e un concellos da provincia baixo o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. Así, o programa provincial continuará visibilizando o talento das mulleres ao longo deste 2022 con propostas musicais, de teatro, danza, poesía, performance e outras iniciativas artístico-culturais en Meaño, Forcarei, Oia, Agolada, Caldas, Moaña, A Lama, A Guarda, Fornelos, As Neves, Redondela, Salceda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 15 resultados.