“Mulleres en Acción. Violencia Zero” chega Ás Neves coa performance “O lugar da fenda”
A nova acción protagonizada por Verónica Moar e a coreógrafa Rut Balbís reflexiona sobre a dor ou a fraxilidade por medio dun diálogo entre a cerámica e a danza
25/01/2023
A Deputación de Pontevedra continúa a espallar o programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” por toda a provincia para concienciar desde a arte contra as violencias machistas. Hoxe recalou no concello das Neves cunha acción titulada “O lugar da fenda”, protagonizada pola ceramista Verónica Moar e a bailarina e coreógrafa Rut Balbís. A Casa da Xuventude da vila contou coa asistencia e participación dun grupo de alumnos e alumnas do IES Pazo da Mercé, así como da deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e as concelleiras de Cultura e Ensino de As Neves, Rocío Barreiro e Pilar González. Nesta edición recupérase a precursoras do programa, artistas que estes anos fixeron emerxer, crecer Violencia Zero e xerar alianzas entre elas ou con novas colaboradoras, ideando xuntas pezas inéditas. A bailarina e coreógrafa Rut Balbís xa participara na edición 2020-2021 e agora faino en colaboración coa ceramista e creadora Verónica Moar.
“O lugar da fenda” é un diálogo performativo entre as protagonistas. Neste encontro único as dúas creadoras conversan desde os seus universos particulares, a cerámica e a danza, para crear unha atmósfera onde ambas se senten cómodas. O público en As Neves asistiu a un diálogo entre os materiais e os corpos, entre o contido e o contexto, desde o silencio e o íntimo. O obxectivo das artistas era propiciar que o alumnado do IES Pazo da Mercé se relacionase co mundo da danza e a cerámica dun xeito directo. Na representación empregáronse pezas de porcelana en diferentes estados para crear unha paisaxe emocional e reflexionar conxuntamente sobre conceptos como vulnerabilidade, fractura, silencio, dor e resiliencia.
O programa provincial, que xa pasou por Pontevedra, Vigo, Barro e As Neves, continuará este ano nos concellos de Arbo, Cangas, Ponte Caldelas, A Cañiza, O Grove, Nigrán, Gondomar, Mos, Oia, Baiona, O Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.