“Prendas das miñas entrañas” da poeta Alba Cid chega a Vilaboa da man do programa da Deputación “Violencia Zero”

O recital de poesía pretende achegar este xénero a mocidade dun xeito máis natural e menos académico

09/11/2022

Violencia Zero Vilaboa

A Deputación de Pontevedra continúa a espallar o programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” por toda a provincia, nesta ocasión cunha acción protagonizada pola poeta ourensá Alba Cid. A representación tivo lugar esta mañá na biblioteca do CPI do Toural, á que asistiron a deputada provincial, Noemí Outeda, e a concelleira de igualdade Carmen Gallego, xunto a un grupo de arredor de corenta alumnos e alumnas de 3º da ESO e profesorado do centro.

“Prendas das miñas entrañas” foi unha escoita guiada pola poeta Alba Cid, con textos extraídos da súa primeira obra Atlas, as pezas elixidas foron as que versaban sobre os afectos, as relacións, o amor ou a liberdade. O recital estivo composto por dúas partes, unha primeira máis lúdica, na que realizou un obradoiro xunto coas alumnas e alumnos para definir de maneira non académica a poesía e o amor romántico. Unha das definicións que lles compartiu Cid foi a da poeta canadense Anne Carson, “se a prosa fora unha casa, a poesía sería un home correndo en lapas a través dela”. Na segunda parte, comezou o recital e para que a escoita guiada se convertera nunha experiencia, pediulle ao alumnado que pechase os ollos para que a atención fose absoluta e así conseguisen conectar e perder o medo a non acabar de entrar neste xénero literario, a poesía.

Esta foi a penúltima parada deste ano do programa Violencia Zero, que xa pasou por Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia, Moaña, Caldas de Reis, As Neves, Redondela, Salceda, Fornelos, o centro Príncipe Felipe, Tui,  Meis, A Cañiza, Baiona, Barro e Cambados.

Galerias de imaxes

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 21 resultados.