A bailarina Myriam González danza en Barro coa súa peza “Hoje venho falar de min” ao abeiro do programa provincial “Violencia Zero”
Máis dun centenar de rapaces e rapazas do CEIP Amor Ruibal desfrutaron da creación da artista galega que busca falar da identidade e a valía individual cun percorrido por tódalas “eu” que a habitan
11/10/2022
A Deputación de Pontevedra continúa a espallar o programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” por toda a provincia, nesta ocasión en Barro cunha actuación protagonizada pola bailarina Myriam González. A súa danza contemporánea e urbana chegou ó aula de música da casa do Concello cunha peza titulada “Hoje venho falar de min”, unha creación coa que reivindica a súa propia identidade, pasando por tódalas “eu” que algún dia quixo ser e que son a día de hoxe. Desta acción desfrutaron a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, amais do alumnado de 4º,5º e 6º de primaria do CEIP Amor Ruibal.
Myriam González interpretou un solo de danza e nel combinou os estilos contemporáneo e Waacking, unha danza urbana/club que ten a súa orixe na comunidade LGTB+ afroamericana dos anos 70. A bailarina apareceu en escena cun antigo vestido negro da súa nai, o elemento que a reconecta coa súa “eu” infante e que achegou á peza a temática da inocencia. No transcurso da súa posta en escena desprendeuse do vestido e quedou cunhas mallas que simulaban a cor da pel, transformando tamén os seus movementos, que pasaron de estar controlados a ser totalmente libres. Con esta creación pretendeu falar, bailando, de ela mesma nun percorrido polo seu pasado, chocando coas “eu” que quixo ser e que fora abandonando, pero que agora quere reivindicar volvendo a ser elas, sen ser xulgada. Un berro á valía individual co que se poidan ver e sentir identificadas outras nenas e mulleres.
No taller previo cos nenos e nenas de sexto de primaria do CEIP Amor Ruibal sobre que querían ser eles e elas e que lles gustaba, resultou unha gravación coas conclusións que sacou a rapazada e que formou parte do espazo sonoro da peza, unha composición que mesturaba as súas voces con música electrónica e que creou a artista Xa’Lum. Este foi un dos fíos condutores xunto co vestido que os transportou a esa viaxe dende a infancia da bailarina.
Violencia Zero xa pasou por Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia, Moaña, Caldas de Reis, As Neves, Redondela, Salceda, Fornelos, o centro Príncipe Felipe, Tui, Meis, A Cañiza, Baiona e Covelo. Tras a parada de hoxe en Barro, chegará aos concellos de Rodeiro, Cambados e Vilaboa.