A Deputación leva á praza do Mosteiro de Poio unha acción escénica contra a Violencia de Xénero
A deputada de Igualdade asistirá á peza de Margarida Mariño e Laura Iturralde este mércores 16 de agosto no marco do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”
15/08/2023
As artistas viguesas Margarida Mariño e Laura Iturralde desenvolverán este mércores 16 de agosto en Poio unha acción conxunta para denunciar a violencia de xénero da man da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha actividade incluída no programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, e terá lugar na Praza do Mosteiro, en San Xoán, a partir das 21:15 horas. Ao acto asistirán a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes.
A peza multidisciplinar leva por título ‘As voces da conciencia’, e nela as artistas convidan á reflexión da sociedade sobre a violencia machista a través das voces de mulleres que narran en primeira persoa como esta situación afectou ás súas vidas en calquera das súas moitas formas. A acción tamén busca acadar una conciencia colectiva que consiga rematar con esta lacra. Esta obra coral exprésase a través da música, escenas sonoras, videocreación e iluminación, camiñando entre estilos que van desde o violoncello clásico ata a electrónica.
Margarida Mariño é licenciada no Conservatorio Superior Liceu de Barcelona. A súa traxectoria salienta por explorar os límites do violoncello con xéneros como o jazz, música experimental, electrónica ou música tradicional galega. Foi integrante da Orquestra Ressonance (Suiza), La Via dei Concerti (Italia) ou a Filharmonía de Galicia, e compuxo música para o cine, como a banda sonora das curtas ‘Puzzle’ e ‘Unha Illa no medio do mar’.
Laura Iturralde é técnica en Imaxe e en Gráfica Publicitaria e titulada superior en Arte Dramática na especialidade de Escenografía. Nos seus traballos destaca a dirección artística de presentación de ‘Terra’ de Tanxugueiras no festival de Benidorm. Conxuga a docencia co traballo como iluminadora, escenógrafa e videocreadora con artistas ou compañías do talle de Mercedes Peón, Brigitte Vasallo ou o Centro Dramático Galego. Recibiu os premios María Casares á mellor escenografía polo seu traballo en ‘Resaca’ e á mellor iluminación por ‘Invisibles’, ‘O Empapelado Amarelo’ e ‘Bailar Agora’.