"Violencia Zero” chega a Cambados para alzar a voz das mulleres silenciadas ao longo da historia
As veciñas que participaron no obradoiro da actriz Isabel Risco tomarán parte na performance e na peza teatral de mañá, domingo
29/10/2022
A Deputación de Pontevedra continúa a espallar o programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” por toda a provincia, nesta ocasión cunha acción protagonizada pola actriz e pedagoga teatral Isabel Risco. A representación terá lugar mañá domingo no Auditorio da Xuventude de Cambados a partir das 18 horas, á que asistirá a deputada provincial, Noemí Outeda, acompañada do alcalde de Cambados, Samuel Lago, e da concelleira de Educación, Fátima Abal.
A acción teatral Ferreiras dun país mellor dividirase en dúas partes: a primeira está vinculada a un obradoiro de varias sesións no que participaron previamente un grupo de mulleres para despois compoñer unha performance protagonizada por todas elas. A través de esta actividade, búscase visibilizar a figura das mulleres ao longo da historia, desde a antigüidade ata a actualidade. Por isto as participantes no obradoiro, porán en valor, a través do teatro, a labor das silenciadas pola historia contada por homes. O feito de reivindicar nesta acción a labor de todas esas mulleres que fixeron cousas épicas o longo dos séculos coa premisa de axudar a conseguir un mundo máis xusto e igualitario, é outra maneira de amosar a violencia estrutural que se leva exercendo contra as mulleres. Por outra banda, tamén se busca dar relevancia a todas as reivindicacións protagonizadas por mulleres no noso país e que son estandarte da loita feminista. O feito de “vivenciar” mediante o xogo teatral pódenos dar ferramentas para atopar novas vías para traballar en igualdade.
Isabel Risco (A Coruña, 1975) é unha recoñecida actriz, clown e pedagoga teatral galega galardoada cun premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de reparto pola personaxe de dona Hortensia en Era visto!, e na 26.ª edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño, recibiu o premio á mellor actriz polo seu papel en O furancho de Ibuprofeno Teatro. Comezou a súa andaina en grupos de teatro universitario da Coruña, na escola Casahamlet e asistindo a cursos monográficos. Traballou como actriz en series coma Padre Casares, Era visto ou Augasquentes e noutros programas da TVG coma O show dos Tonechos, Luar, Land Rober ou Tourilandia, ademais de realizar curtas, publicidade e algunha longamentraxe, coma Os mortos van á présa , 9 Ondas ou Pelerinaxes.
O programa Mulleres en Acción. Violencia Zero xa pasou por Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia, Moaña, Caldas de Reis, As Neves, Redondela, Salceda, Fornelos, o centro Príncipe Felipe, Tui, Meis, A Cañiza, Baiona, Covelo, Barro, e tras esta parada no concello de Cambados rematará en Vilaboa.