Violencia Zero chega ao Grove para reivindicar a independencia das mulleres a través da figura clásica de Penélope

“A tecedora do tempo”, a obra das artistas Xela Marx e Maya Estarque, amosa a importancia de que as mulleres se liberen dos roles sociais impostos para acadar a igualdade

07/03/2023

Violencia Zero O Grove

A Deputación de Pontevedra continúa a espallar o programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, sementando igualdade e loitando contra as violencias machistas por toda a provincia. Nesta ocasión parou no Grove con “A tecedora do tempo”, unha representación protagonizada pola creadora escénica Xela Marx e a deseñadora Maya Estarque. Esta nova acción, que tivo lugar no auditorio municipal do Grove, concentrou a un nutrido grupo de máis de 200 alumnas e alumnos dos IES Monte da Vila e As Bizocas que acompañaron á deputada de Igualdade, Vicky Alonso, e ao concelleiro de Igualdade da vila, Francisco Parada.

Mulleres en Acción. Violencia Zero” está a recuperar nesta edición a precursoras do programa, artistas que nestes anos fixeron emerxer e crecer esta iniciativa da Deputación, xerando alianzas entre elas ou con novas colaboradoras, ideando xuntas pezas inéditas. No Grove, Xela Marx e Maya Estarque, traballaron para realizar conxuntamente a peza “A tecedora do tempo”, unha acción poética na que ámbalas dúas artistas encarnaron a complexidade da personaxe de Penélope na Odisea de Homero, unha muller que, a pesares de ter voz nun dos primeiros textos clásicos da cultura occidental e ter soños, desexos e dúbidas, ten unha vida suxeita á existencia do seu marido Ulises, que leva anos fora da súa casa, e á monotonía do seu día.

Na acción escénica representada no Grove Xela Marx e Maya Estarque, a través do diálogo, das artes plásticas, o teatro e a filosofía, buscaron facer unha denuncia das desigualdades e imposicións sociais a través da vida de Penélope. Ambas artistas recrearon o mundo interior e as dúas realidades de Penélope: o seu día a día nun espazo pechado, no que está enclaustrada e sometida a unha vida que lle foi imposta, e, por outra banda o seu potencial contido, aquilo que realmente pensa, cuestiona e desexa. Deste xeito, e a través dunha situación relatada no século VIII antes da nosa era, rendeuse homenaxe a todas aquelas mulleres que, coma Penélope, non posúen as rendas do seu destino e a súa vida, e reclamouse que mentres existan mulleres así seguirá existindo a desigualdade.

A Deputación de Pontevedra está a desenvolver neste 2023 a oitava edición do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, cuxo lema é “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas” coa igualdade e a cultura como arma en prol dunha sociedade máis xusta e contra as violencias machistas. Con “A tecedora do tempo”, a acción que vén de ser desenvolvida esta mañá, este programa da institución provincial pasou xa por Pontevedra, Vigo, Barro, As Neves, A Cañiza, O Grove e Cangas, e continuará ao longo do ano nos concellos de Nigrán, Gondomar, Mos, Oia, Baiona, O Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.

Galerias de imaxes