Un proxecto sobre a abordaxe dos tratamentos do mildio no que participa a Estación Fitopatolóxica Areeiro recibe o respaldo da Unión Europea

A iniciativa busca desenvolver un novo sistema de apoio á toma de decisións para determinar o momento óptimo para aplicar tratamentos contra este fungo na vide

19/10/2022

O proxecto Go Plasmowine, no que participa a Estación Fitopatolóxica Areeiro, vén de recibir o respaldo da Unión Europea coa concesión dunha subvención 180.000 euros financiados a través da convocatoria de axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Ademais de Areeiro, os socios que participan neste proxecto son a nigranesa Monet Viticultura, a adega Viña Costeira, a Fundación Empresa-Universidade Galega e a Universidade de Vigo. En concreto, a Estación Fitopatolóxica Areeiro recibirá para o seu desenvolvemento ata 2024 un total de 42.000 euros para realizar as súas funcións, é dicir, o 100% do orzamento.

A intención de Go Plasmowine é desenvolver un novo sistema de apoio á toma de decisións para poder determinar o momento óptimo para a aplicación dos tratamentos contra o mildio da vide, unha enfermidade que compromete seriamente a produción e calidade dos viños da provincia de Pontevedra. A optimización do control químico implica tamén a redución dos costes de explotación, do risco de resistencia polo patóxeno e da pegada de carbono, así como unha maior protección do medio ambiente e da saúde humana, xunto cun aumento na calidade do viño. O sistema que se propón indicará o momento de aplicación do primeiro tratamento e cando debe renovarse, considerando o risco de enfermidade ademais da eficacia e duración real da protección para os funxicidas empregados habitualmente para evitar os danos.

Para poñer a punto esta estratexia de control deste fungo o traballo desenvolverase desde diferentes puntos de vista con distintas variables bioclimáticas e biolóxicas que, combinadas de xeito adecuado, permitirán determinar a frecuencia idónea das aplicacións fronte á enfermidade. Desta maneira, cumprirase coa lexislación de uso sostible de fitosanitarios e achegándose á estratexia “Farm to Fork” da Unión Europea, que ten como obxectivo facer que os sistemas alimentarios europeos sexan máis xustos, saudables e respectuosos co medio ambiente.

Na provincia de Pontevedra, o estudo levarase a cabo en parcelas da Denominación de Orixe Rías Baixas, nas que se recollerán datos meteorolóxicos locais e esporas de mildio presentes no ambiente, ademais de obter unha predición meteorolóxica local rexistrar a fenoloxía, os manexos culturais realizados e os síntomas de enfermidades fúngicas. Ademais, Plasmowine persigue mellorar os procesos de adaptación do cultivo ao cambio climático grazas ás bases de datos pre existentes de incidencia do fungo.