Areeiro recomenda renovar o tratamento nas viñas ante as condicións favorables ás infeccións por mildio
O Centro Fitopatolóxico da Deputación advirte tamén da aparición dos primeiros síntomas de black rot e de enfermidades de madeira en viñas
28/04/2023
A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda realizar unha nova intervención nas viñas contra o mildio. Tamén advirte da aparición dos primeiros síntomas de black rot, así como de enfermidades de madeira. Ademais, constata a presenza xeral de síntomas de erinose, así como caracois nalgúns predios, se ben o crecemento dos gromos fai que os signos da súas alimentación non sexan graves.
Segundo sinala, as precipitacións caídas na fin de semana e a principios da semana, as temperaturas nocturnas suaves e a elevada humidade relativa fan que as condicións sexan favorables ás infeccións por mildio, e en todas as viñas revisadas se aprecian manchas que non están ben controladas, independentemente do tempo transcorrido desde o tratamento anterior e o funxicida empregado. Ademais, destacan que en varias apareceu algunha mancha nova moi incipiente e pouco visible, así como os primeiros síntomas en viñas que, ata o momento, eran asintomáticas e, timidamente, nalgunhas das plantas de variedades pouco sensibles.
Por iso, ante as condicións meteorolóxicas inestables que se prevé se manteñan a curto prazo, con posibilidade dalgunha precipitación, aínda que escasa, e as temperaturas mínimas altas en xeral, e ante a situación observada nas viñas e o estado fenolóxico sensible das plantas, recoméndase renovar as intervencións, empregando preferiblemente un funxicida cun modo de accións diferente aos aplicados con anterioridade.
Por outra banda, o persoal do centro advirte da presenza de black rot e da enfermidade de madeira en varias viñas. Ademais, é bastante xeral a presenza de síntomas de erinose, así como caracois nalgúns predios, se ben o crecemento dos gromos fai que os signos da súas alimentación non sexan graves. En canto á avelaíña da maceira, o aviso fitopatolóxico sinala que esta semana non se recolleu ningún adulto na trampa que está instalada nas maceiras de Areeiro, máis lembra que o máis conveniente é instalar unha trampa en cada predio, co fin de mellor así a xestión da praga. Por último, no que respecta ao buxo, ao longo desta semana xa non se atoparon eirugas nas sebes que están baixo vixilancia e si crisálidas. Porén, o persoal de Areeiro advirte que noutras zonas con climatoloxía máis fresca aínda poden quedar eirugas e ser necesario un tratamento.