Areeiro recomenda aplicar un tratamento contra a botrite despois das infeccións nas viñas provocadas polo estado fenolóxico da uva e as recentes choivas
O centro dependente da Deputación recorda tamén a importancia de controlar o insecto vector da flavescencia dourada de cara a frear a dispersión desta enfermidade
05/08/2023
Ante as infeccións por botrite detectadas nesta semana, consecuencia do estado fenolóxico da uva (moi próxima á maduración) e as choivas que se rexistraron recentemente, a Estación Fitopatolóxica Areeiro acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella tratar as viñas nas que non se tivese realizado ningunha aplicación con anterioridade.
As precipitacións dos últimos días provocaron un rápido incremento do tamaño dos grans, o que nalgunhas ocasións fixo rebentar a súa pel. Isto, xunto coas perforacións nalgúns predios de eirugas de Lobesia e ataques de paxaros nas uvas, deron lugar á aparición de micelio en acios de moitas viñas. Por esta razón, Areeiro recomenda aplicar un antibotrítico se non se realizou este tratamento con anterioridade. O persoal sinala que no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación existen funxicidas autorizados para o control desta enfermidade con características e prazos de seguridade moi diferentes, polo que debe ser considerado cada caso concreto segundo o estado de maduración da uva e a presenza actual de síntomas e/ou feridas nos grans.
Por outra banda, o aviso volve referirse de novo á enfermidade da flavescencia dourada. Areeiro sinala que segue a haber capturas do Scaphoideus titanus nas trampas, agás nas viñas nas que se realizaron os tratamentos insecticidas recomendados, e lembra que loitar contra este insecto é un dos escasos medios para loitar contra esta patoloxía. Neste senso, advirte de que as poboacións deste insecto vector que queden este ano estarán fortemente relacionadas coas da campaña seguinte e, polo tanto, coa dispersión da enfermidade.
Respecto do mildio, o aviso sinala que coa entrada no pintado a uva xa non é sensible a este patóxeno, e só poden aparecer síntomas na vexetación e nos acios dos brotes netos, nos que apareceron precisamente nas revisións efectuadas esta semana. Coa previsión de altas temperaturas para os vindeiros días, o centro indica que en principio non será necesaria ningunha intervención máis que, opcionalmente, nos predios que tiveron fortes ataques nesta campaña se a densidade de manchas é tan elevada que pode provocar defoliación e comprometer a maduración en curso.
Por último, o aviso da Estación Fitopatolóxica refírese tamén ás hortícolas. Lembra que os restos vexetais son o soporte que utilizan varias pragas e patóxenos para pasar o inverno, de xeito que neste momento, cando se están a levantar algúns destes cultivos, Areeiro aconsella que se eliminen estes restos para reducir a problemática que se poida ter o próximo ano.