A Deputación celebra o Día Internacional contra o Cambio Climático en Pontevedra cunha carpa chea de iniciativas que perseguen un mundo sostible

A información de actividades que a Deputación realiza en colaboración con entidades medioambientais estivo acompañada da degustación de produtos destacados da provincia da man do CEIFP Carlos Oroza

24/10/2022

Día Internacional contra o Cambio Climático en Pontevedra

Baixo a premisa de loitar a prol dun mundo sostible, a Deputación de Pontevedra celebrou un ano máis o Día internacional contra o Cambio Climático. Fíxoo coa instalación dunha carpa nos exteriores do Pazo provincial, na avenida Montero Ríos de Pontevedra, que albergou cinco stands dedicados a distintas iniciativas promovidas pola Deputación relacionadas co desenvolvemento sostible, a posta en valor do patrimonio natural e cultural da provincia ou a fixación de poboación nas zonas rurais. Ademais, as persoas que se achegaron á carpa puideron desfrutar dunha degustación de produtos destacados da provincia da man do CEIFP Carlos Oroza, que confeccionou un menú degustación con petiscos salgados e doces -elaborados con mexillóns, tomates da súa horta ou setas- maridado con bebidas elaboradas tamén polo alumnado do centro. Entre quen acudiron a esta carpa destacou a presenza da deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Iria Lamas, así como de outras/os deputados provinciais, representantes de concellos da provincia e de entidades coas que colabora a Deputación.

Os programas “Bosques Terapéuticos” e “Voando nas Rías Baixas” foron os protagonistas dun dos expositores no que se amosaron varios vídeos e fotografías dos baños de bosque e das rutas ornitolóxicas realizadas nos últimos anos. Na carpa tamén se difundiron as accións que están a piques de poñerse en marcha en colaboración con diferentes entidades. Os stans estiveron dedicados á concienciación da redución da pegada hídrica na provincia na que traballa a Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) e á loita contra o desperdicio alimentario que leva a cabo a Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA. Tamén xiraron en torno ao uso sostible da enerxía e dos recursos que realiza a Asociación Vento Noso e ao estudo sobre os usos alternativos dos sistemas agroforestais que  está a realizar a Misión Biolóxica de Galicia para obter produtos de alto valor engadido.

Todos estes expositores contaron con paneis informativos e material divulgativo polo que se interesaron as persoas que asistiron a este evento, que se completou co reparto de botellas de cristal reutilizables, botes de marmelada e mel, imáns, bolsas de tea, camisetas do programa “Na casa non quedo” ou sobres con sementes das variedades locais xeradas na Misión Biolóxica.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.