A Deputación ultima os días para visitar no Museo de Pontevedra a exposición do centenario da Sociedade Coral Polifónica

O domingo 20 de abril pecha esta mostra que percorre o século de historia da agrupación e inclúe reproducións en gran formato das escenografías deseñadas por Castelao

14/04/2025

Expo Sociedade Coral Polífónica de Pontevedra

As persoas que se acheguen ao Museo de Pontevedra esta Semana Santa terán a oportunidade de ver a exposición ‘Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, cen anos de música coral en Galicia’, que pechará as súas portas o domingo 20 de abril. A mostra, comisariada por Xosé Carlos Valle Pérez, percorre o século de historia que atesoura esta agrupación nacida en 1925 co afán de contribuír, a través da música, á construción da cultura galega.

A exposición inclúe numerosos impresos, manuscritos, fotografías e obras de arte que falan da importancia desta iniciativa e da relevancia cultural das persoas que a puxeron en marcha e lle deron continuidade. Está organizada en catro partes. As tres primeiras mostran, nun percorrido cronolóxico, as diferentes etapas da coral, arrancando con fotografías e documentos previos á constitución formal da sociedade ata o tempo presente, con imaxes de actuacións e retratos das persoas que a dirixiron ao longo do tempo.

Tamén se inclúen programas de man, recortes de prensa e outras publicacións relacionadas coa actividade da Polifónica, e partituras manuscritas de obras compostas ou arranxadas por membros da coral, como as de “Si vas a San Benitiño”, de Antonio Blanco Porto, “Canto d’Ourense” de Obdulia Prieto ou “Keltia”, de Antonio Iglesias Vilarelle. Outras vitrinas mostran as diferentes gravacións realizadas, desde os primeiros discos da década de 1920.

Laxeiro é o autor dos retratos ao carbón expostos de tres figuras clave no nacemento da agrupación: Antón Losada Diéguez, Antonio Blanco Porto e Antonio Iglesias Vilarelle. Estes dous últimos foron, respectivamente, o seu primeiro e o seu segundo director. Tamén está presente cun autorretrato outra figura destacada deses primeiros anos: Alfonso Daniel Rodíguez Castelao, que deseñou o logotipo da sociedade e a presidiu entre 1929 e 1932.

Precisamente Castelao é o autor da escenografía que cobra unha vital importancia na cuarta sala da mostra. Nela exhíbense reproducións en gran formato de cinco dos dez panos de escena que Castelao realizou para a Sociedade Polifónica entre 1926 e 1934: Pórtico románico, Rosetón oxival, Interior de igrexa, Arco da vella e Capela oxival. Polas súas grandes dimensións, que chegan nalgúns casos aos 10 metros de longo e máis de 5 de alto, non é posible expoñer os orixinais, polo que se fixeron reproducións ao maior tamaño posible.

As escenografías que deseñou Castelao para a Polifónica están entre os seus traballos artísticos menos coñecidos, polo que esta exposición permite ao gran público coñecelos mellor xusto cando se conmemora o 75 aniversario do seu pasamento e se lle dedica o Ano Castelao. Ademais das grandes reproducións, tamén se inclúen fotografías doutros panos desaparecidos ou en mal estado de conservación e un vídeo no que Ángeles Tilve, Carlos Valle e o pintor Rafael Úbeda explican interesantes detalle do proceso de concepción, creación, aparición pública e restauración dos panos.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.