A Deputación investirá 411.000 € na total transformación do trazado que discorre pola ponte das Achas da Cañiza

“É un cambio transcendental. Non falamos de poñer chapapote, nin de pintar estradas, senón de cambios radicais que transforman a realidade urbana e as fan dignas, sostibles, amables e pensadas para a xente”, subliñou a presidenta

03/03/2023

Ponte Achas rolda de prensa

A transformación total do trazado que discorre pola ponte románica das Achas da Cañiza será axiña unha realidade. A Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar o expediente para sacar a licitación as obras de mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil no trazado antigo que discorre sobre a ponte, cun orzamento de 411.000 euros, dos que a Deputación achega o 70% (288.00 euros) e o Concello o 30% restante (123.000 euros, unha parte dos cales a través do Plan Concellos).  “É un cambio transcendental –subliñou a presidenta Carmela Silva–. Non falamos de poñer chapapote, nin de pintar estradas, senón de cambios radicais que transforman a realidade urbana e as fan dignas, sostibles, amables e pensadas para a xente. Ningunha outra administración ten a visión da Deputación sobre as infraestruturas”.

A actuación de mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil abrangue 560 metros de lonxitude no treito vello da EP-5002, entre o núcleo rural das Achas e a ponte, e foi posta como exemplo pola presidenta da Deputación para que “a cidadanía saiba de que falamos cando falamos de transformación das infraestruturas da Deputación”. Neste espazo, acometerase unha actuación de gran relevancia patrimonial, xa que inclúe a recuperación da ponte das Achas, na actualidade asfaltada e con varandas metálicas que supoñen un elemento antiestético e anacrónico. Deste xeito, o viaduto románico pasará a contar con pavimento de lastro de granito e as actuais varandas metálicas serán substituídas por un peitoril de pedra de 1,10 metros de altura.

A Deputación tamén dotará a estrada dunha senda peonil ao longo da marxe dereita. Terá 2,50 metros de ancho e estará executada en formigón gris escuro. Transcorrerá desde a zona de convivencia que se acometerá no núcleo das Achas, con plataforma elevada 10 centímetros e acabada en formigón gris escuro. O firme no tramo a carón da senda será pavimentado de novo con aglomerado en quente e dotado tamén de drenaxe de augas pluviais.

Ademais, todas as canalizacións eléctricas e de telefonía serán soterradas, colocaranse bancos de granito, e terá nova sinalización horizontal e vertical e mais unha rede de alumeado máis sostible mediante luminarias LED. Tamén se ampliará a zona verde na intersección e colocaranse buxos no linde coa senda.

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.