O programa SmartPeme da Deputación oferta esta semana cinco novas accións formativas

Os obradoiros centraranse en ciberseguridade, mulleres emprendedoras, SEO, emisións en liña e márketing dixital

26/03/2023

A Deputación de Pontevedra, a través do seu programa de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas SmartPeme, oferta cinco novas accións formativas para esta semana, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións centraranse en ciberseguridade, mulleres emprendedoras, SEO para e-commerce, emisión de eventos en liña e como elaborar un plan de márketing dixital.

Os obradoiros comezarán este luns, 27 de marzo, ás 10 da mañá. Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, será o encargado de impartir “Ciberseguridade, como facer un contrasinal seguro”, no que se explicará a importancia de ter un contrasinal ben definido e distinto para cada servizo. Freire, tamén conducirá a acción do xoves 30 de marzo, ás 11 da mañá, “Como emitir o teu evento en liña de xeito profesional IV – OBS I”, na que se presentarán ferramentas como Screendragons ou OBD Studio.

O martes 28 terá lugar o “Encontro de mulleres emprendedoras” no que intervirán mulleres asesoradas polas oficinas de SmartPeme como Luz Prado, fundadora de “Luz Prado, Escuela de Diseño y Moda”; Salomé Fernández, creadora de “Cucapuntoes”; Pilar Alonso, creadora de “Xacobleas”; Cruz Martinez, fundadora de “Planeta Tres Zetas”; e Susana Abal, directora de “Desde 0 Home Staging”. O obxectivo desta iniciativa é poñer en común varios puntos de vista sobre o emprendemento sendo muller e os pros e contras de levar a cabo un proxecto propio.

O mércores 29 de marzo terá lugar a acción “SEO para e-commerce: Posiciona a túa tenda en liña en Google”  ás 12 de mañá. Será impartida por Esther Garcinuño, diplomada en ciencias Empresariais, que dará a coñecer cuestións para optimizar webs de venda en liña e mellorar o seu posicionamento nos motores de procura cun enfoque práctico.

O xoves 30 ás 18:00 horas o licenciado en Comunicación Audiovisual, Adrián Fernández,  impartirá “O teu plan de Márketing Dixital paso a paso”. Nesta acción formativa, coa que a Deputación pecha a semana formativa de SmartPeme, abordarase a importancia do plan de márketing dixital para que unha empresa teña éxito na contorna online.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.