A sede de Vigo da Deputación acolle unha xornada para promover a responsabilidade social nas empresas da provincia

O evento, enmarcado no programa SmartPeme, contou coas conferencias e talleres formativos a cargo da fundadora de Lázzaro, Carlota Corzo, e o fundador de Ayúdame3D e Premio Princesa de Girona, Guillermo Martínez

11/05/2023

SmartPeme

A sede de Vigo da Deputación vén de acoller unha xornada con motivo da terceira edición do programa de Desenvolvemento de Solucións Innovadoras promovido no marco de SmartPeme. O principal obxectivo do evento, ao que asistiu a deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, é o de involucrar o tecido empresarial da provincia no compromiso social para fomentar o emprendemento no ámbito da Responsabilidade Social Corporativa (RSC). Para iso, a Deputación programou unha serie de conferencias a cargo de dúas persoas emprendedoras de relevancia no panorama galego e estatal, Carlota Corzo e Guillermo Martínez, así como dúas accións formativas sobre fabricación 3D e NFT e un almorzo networking para crear sinerxías entre as persoas participantes e seguir impulsando a innovación e mais o talento na provincia de Pontevedra.

A coruñesa Carlota Corzo foi a encargada de arrancar a xornada cun relatorio titulado “Reformulando as doazóns”. Esta licenciada en Belas Artes fixo do emprendemento a súa bandeira ao fundar a firma Lázzaro, unha plataforma que dá seguridade ás doazóns a ONG. Gañadora do premio social Jóvenes da Fundación Máshumano, Corzo tamén foi incluída en 2022 na lista dos 30 talentos españois de menos de 30 anos da revista Forbes. Durante o relatorio, sinalou a situación que viven actualmente as ONG en canto á súa fenda tecnolóxica e comentou as vantaxes de servizos como os que a súa firma ofrece, xa que permiten centralizar as doazóns con tecnoloxías ‘blockchain’ coas que as e os doantes poden facer un seguimento total ata o seu destino final. A emprendedora sinalou tamén o uso dos NFT (non-fungible token) para as persoas que queren colaborar con ONG, por exemplo a través da súa implementación con persoas influentes en redes sociais. Nos dous casos, con absoluta transparencia.

A continuación o enxeñeiro de Organización Industrial e diplomado en Tecnoloxía biónica Guillermo Martínez centrou o seu relatorio en “Deseñando axudas, imprimindo cambios sociais”, en sintonía co proxecto do que é fundador e director: Ayúdame 3D, unha organización sen ánimo de lucro que crea e entrega brazos impresos en 3D, nomeados “trésdeses” (próteses 3D), de maneira gratuíta a persoas con diversidade funcional de todo o mundo. A súa iniciativa empresarial levouno a facerse un nome dentro do mundo do emprendemento social e recibiu por el o premio Princesa de Girona 2020 na categoría Social.  Martínez fixo un emotivo relatorio no que explicou o proceso que o levou a poñer en marcha este proxecto a raíz dunha viaxe a África colaborando cunha entidade sen ánimo de lucro. A partir de aí, abandonou o seu traballo nunha empresa de xoguetes para dedicarse a esta finalidade (os seus ingresos proceden das conferencias e da súa empresa de impresión 3D de trofeos). No transcurso da súa intervención tamén amosou vídeos de casos reais de persoas que, grazas ás “trésdeses”, mudaron as súas vidas.

O enxeñeiro foi tamén o encargado de impartir ás 12.00 horas un taller sobre a construción das próteses que elabora no seu proxecto empresarial. As persoas participantes coñeceron o funcionamento e as vantaxes da impresión 3D como ferramenta para construír próteses que axudan a mellorar a calidade de vida da poboación de países con poucos recursos e puideron colaborar na construción destas pezas, que serán posteriormente doadas a Ayúdame3D.

O encontro pechouse a primeira hora da tarde co obradoiro “Que é un NFT e como mercalo”, no que Carlota Corzo e o seu compañeiro de Lázzaro Iván Saiz explicaron e familiarizaron ás persoas asistentes cos NFT, ensinando, entre outras cuestións, como adquirilos.

Galerias de imaxes

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 21 resultados.