O programa SmartPeme da Deputación oferta esta semana catro novas accións formativas

Os obradoiros centraranse en fabricación dixital, comercio electrónico e márketing sostible

01/05/2023

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta primeira semana de maio catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións centraranse en asuntos como a fabricación dixital, o debuxo 3D, solucións de comercio electrónico e tamén no márketing sostible.

O martes 2 ás 11:00 horas terá lugar o obradoiro “Introdución á fabricación dixital” para dar a coñecer e familiarizarse coas tecnoloxías implicadas nun proceso de fabricación dixital, non só a nivel teórico, senón cun contacto real coa tecnoloxía. As persoas interesadas poderán experimentar con elas, co obxectivo de que sexan capaces de deseñar cadansúa peza en 3D e fabricalas no Depo Fab Lab situado no Centro Provincial de Economía Dixital (Viveiro de Empresas de Barro). Con esta sesión iníciase un novo curso de fabricación dixital que constará dun total de 50 horas de formación mixta (presencial e telemática) e cun máximo de 14 prazas. As persoas que completen os requisitos recibirán un certificado de asistencia onde constarán as horas e o temario recibidos.

O mércores ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro “Márketing sostible”, no que aprenderán o concepto, boas prácticas e casos de éxito na materia. As persoas consumidoras de hoxe senten que as cuestións éticas son cada vez máis importantes e apoian firmemente as empresas que incorporan valores na súa actividade. O obradoiro analizará de preto a sostibilidade no desenvolvemento dos negocios e na aplicación ao márketing, para aprender como pode axudalas a ter éxito. En horario de tarde, SmartPeme organiza “Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet”. Trátase da segunda sesión desta acción, na que as persoas autónomas e emprendedoras aprenden a empregar este plugin de tenda en liña para WordPress. A acción inclúe a instalación, a explicación das características, pasarelas e formas de pago, a creación de catálogos e a xestión de pedidos.

Por último, o xoves ás 11:00 horas celebrarase unha sesión de “Debuxo 3D con Onshape I – PartStudio I”, unha das sesións enmarcadas no curso de fabricación dixital que se inicia o martes.

Para consultar máis información as persoas interesadas poden dirixirse ao sitio web de SmartPeme.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.