O programa SmartPeme da Deputación oferta esta próxima semana cinco novas accións formativas

Os obradoiros céntranse en ciberseguridade, fabricación dixital, márketing con influencers, promoción a través de Pinterest e reputación online

04/06/2023

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta na próxima semana cinco novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático e presencial. Os obradoiros serán sobre ciberseguridade e uso da VPN, debuxo 3D con Onshape V – Assembly I, campañas de márketing con influencers, promoción a través de Pinterest e a mellora da reputación online dun establecemento turístico.

O luns 5 de xuño, as 10:00 comeza “Ciberseguridade, uso da VPN” co obxectivo de fomentar a utilización da VPN coñecendo os seus beneficios e o seu funcionamento. No taller telemático abordarase o seu uso, cales son as opcións gratuítas e como se configura. O experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire será o encargado de impartir a formación.

O martes 6 de xuño terá lugar o obradoiro “Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape V – Assembly I” que consta dun itinerario formativo dividido nunha primeira parte teórica online e unha segunda parte presencial, con prácticas no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. Aquelas persoas que participen formaranse teoricamente no manexo de debuxo 3D con Onshape (16h), impresoras 3D de filamento (8h), impresoras 3D de resina e escáner 3D (2h). As prácticas consisten no uso de impresoras 3D filamento (8 h), impresoras 3D resina (8 h) e escaneo 3D  (4 h). Manuel Freire será novamente o docente encargado da formación.

O mércores 7 de xuño, as 12:00 comeza o taller “Como facer campañas de márketing con influencers” que abordará aspectos como: en que consiste, as plataformas que se empregan, os tipos de influencers, os beneficios que aportan este tipo de campañas e os consellos para mellorar a súa efectividade. Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, experta en dirección en comunicación corporativa e con ampla experiencia en comunicación e en márketing dixital, será a encargada de impartir a formación.

O xoves 8 de xuño realizaranse dous obradoiros telemáticos. Pola mañá, as 12:00, Esther Garcinuño,  diplomada en Ciencias Empresariais, coa especialidade de márketing e dirección comercial, con 8 anos de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web, impartirá “Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest”, a través do cal as e os participantes poderán sacar o máximo partido a esta rede social. Pola tarde, ás 17:00, Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas con experiencia en dinamización e formación turística, será a encargada de explicar “Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico”, familiarizando ás persoas participantes cos portais de opinión, as ferramentas de monitorización e técnicas de márketing para que resulte beneficioso para a empresa.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.