SmartPeme ofrece esta semana cinco novas accións formativas
O programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación imparte formacións sobre ciberseguridade, vídeo márketing, márketing para empresas turísticas, web con WordPress e economía dixital
26/02/2023
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta cinco novas formacións para esta semana enmarcadas na carteira de obradoiros de Smartpeme. As accións formativas, catro delas online e unha presencial na sede de Vigo, tratarán temas como a ciberseguridade e o malware, vídeo márketing, estratexias de márketing para empresas turísticas, creación de webs con WordPress e tendencias de economía dixital.
Os obradoiros online darán comezo este luns 27 pola mañá, o obxectivo deste primeiro curso, “Ciberseguridade que é o malware”, é o de dar a coñecer que tipos de malware empregan os ciberdelincuentes ou como podemos saber se os nosos dispositivos están infectados. A formación estará impartida por Manuel Freire, experto en Robótica, Programación e Impresión 3D. Nesa mesma xornada pero pola tarde terá lugar “Vídeo Márketing II-Animacións e Gifs feitas con fotografía de produto”, guiado pola titulada superior en Ensinos Artísticos e de Deseño, Lara Taboada, no que se amosará a importancia do contido audiovisual para redes sociais, polo seu dinamismo, facilidade de visualización, viralidade e como alternativa perfecta para comezar a traballar de maneira activa e profesional nos perfís.
O martes 28 tamén haberá dúas accións formativas online. Pola mañá a postgraduada en Turismo, Patricia Cabaleiro, impartirá “Estratexias sinxelas de Márketing para empresas turísticas”, no que se ensinará a aplicar algunhas técnicas básicas de márketing a través dos medios dixitais. Pola tarde, María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, amosará con “Crea unha páxina profesional con WordPress I” todas as posibilidades que ofrece este CMS, ensinando os pasos para crear un sitio web, aspectos relacionados co deseño e o desenvolvemento e xestión da páxina para conseguir un sitio profesional e optimizado.
O peche a esta semana de formacións terá lugar o xoves 2 de marzo, ás 11 da mañá na Sede da Deputación en Vigo con “Tendencias de Economía Dixital 2023” da man de Manuel Freire. Trátase dunha actividade na que se darán a coñecer as principais tendencias tecnolóxicas emerxentes para este ano como a creación de imaxes e textos con algoritmos e intelixencia artificial. As persoas que participen na acción formativa terán a oportunidade de aproximarse á realidade virtual empregando as aplicacións e experiencias inmersivas que habitualmente se levan a cabo no FabLab de Barro.