O programa SmartPeme da Deputación oferta esta semana cinco novas accións formativas

Centraranse en ciberseguridade, liderado feminino, Google Adwords, eventos en liña e márketing para promocións de tours

19/03/2023

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta cinco novas accións formativas para esta semana, enmarcadas na súa carteira de obradoiros online e presenciais. As accións tratarán temas como o uso da VPN, liderado feminino no sector turístico, campañas con Google Adwords, eventos en liña ou técnicas de márketing.

Os obradoiros darán comezo este luns 20 pola mañá, con “Ciberseguridad, o uso da VPN”, que ten por obxectivo fomentar o uso das VPN, xustificando as razóns para empregala e  o modo en que o seu uso protexe ás usuarias e aos usuarios. A formación estará impartida por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.

O martes 21 a partir das 17:00h impartirase “Liderado feminino no sector turístico”, un obradoiro presencial que se levará a cabo no punto SmartPeme de Pontevedra (no salón de actos da segunda planta no Edifificio Administrativo da Deputación de Pontevedra). Esta iniciativa constará de dúas partes comezando, en primeiro lugar, coa charla de Mar Rodríguez, directora e xerente de Teetravel, e, a continuación cun networking aberto a todas as persoas asistentes.

O mércores 22 pola mañá, a graduada en Publicidade e Relacións Públicas, Laura Carrera, impartirá o obradoiro “Google Adwords, como entendelo e crear campañas eficaces I”. Esta formación dará resposta á importancia para os negocios de saír como resultado das procuras en Google e afondará en Google Ads, un programa de publicidade en liña de Google co cal se poden crear anuncios para alcanzar o público obxectivo e traballar o posicionamento SEM.

A semana lectiva rematará o xoves 23 con dúas accións formativas. Na quenda da mañá, de novo Manuel Freire dirixirá o curso “Como emitir o teu evento en liña de xeito profesional III”, centrado na mellora dos eventos en liña que se levan a cabo e da difusión do seu contido e, en xeral, de calquera comunicación empresarial en liña. Pola tarde Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas, impartirá “Técnicas de márketing para a promoción de Tours e Experiencias”, dirixido a empresas turísticas que inclúen diversos servizos de ocio e entretemento para viaxeiros, turistas e para a poboación local.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.