Europa volve apoiar o modelo de mobilidade da Deputación con 774.000 euros para a senda peonil que xa conecta Noalla coa Lanzada en Sanxenxo

A mellora da infraestrutura provincial permitiu dotar de maior seguridade a un itinerario de 1,2 km amplamente transitado por veciñanza e visitantes

14/12/2022

A Deputación de Pontevedra volve a recibir un importante apoio do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) para un dos seus proxectos de mobilidade peonil e mellora en infraestruturas provinciais, 774.000 euros para a construción da senda peonil que conecta Noalla e a praia da Lanzada, no concello de Sanxenxo. O diñeiro europeo subvenciona así o 85% do orzamento inicial da actuación de 910.600 euros, o que suporá un importante aforro para Deputación e Concello. A senda, que xa se converteu nunha realidade ao rematar as obras o pasado mes de novembro, permitiu dotar de maior seguridade e mobilidade a un itinerario amplamente transitado pola veciñanza e as e os visitantes, especialmente durante os meses de verán, onde se atopan ademais varios establecementos hoteleiros e hostaleiros.

Grazas a esta actuación foi posible mellorar a seguridade viaria da EP-9212 no tramo comprendido entre o P.Q. 0+000 e o 1+224, no que executouse a nova senda peonil na marxe dereita, paralela á plataforma existente e cun ancho de tres metros. No resto, concretamente en tres tramos cunha lonxitude total de 190 metros, executouse tamén unha zona de convivencia con prioridade peonil. Amais, os traballos serviron para lograr un aforro enerxético aproximado do 12%, ao pasar o consumo anual de enerxía dos 236.180 kWh aos 208.246 kWh. Co fin de aumentar a seguridade, a Deputación tamén reforzou o firme da plataforma para o paso dos vehículos, renovou a sinalización horizontal e vertical do treito e realizou catro pasos peonís sobreelevados na zona de actuación. Amais, na contorna do Pazo de Quintáns conseguíronse integrar elementos orixinais da edificación con esta nova senda e coa plataforma de convivencia. En concreto, restaurouse o lousado orixinal, recuperouse a cuneta perimetral do muro de peche e resolveuse o encontro entre os pavimentos de pedra e formigón, para o que se optou pola interposición dun pequeno bordo de pedra da mesma variedade.

Con esta nova achega, no que vai de ano a Deputación recibiu de man do IDAE fondos europeos por valor de 3,5 millóns de euros para realizar actuacións en 13 concellos da provincia en materia de mobilidade sostible e eficiencia enerxética. En total, nos últimos catro anos foron 15,4 millóns de euros de fondos europeos do IDAE para diferentes proxectos con destino a 56 concellos e a unha entidade menor.


 

Mostrando el intervalo 1 - 3 de 21 resultados.