A Deputación aborda a segunda fase da transformación integral da EP-3303 Tabagón-Goián no Rosal, cun investimento de case 800.000 euros

A Xunta de Goberno vén de aprobar o proxecto, que se desenvolverá nun treito de 1,8 quilómetros da estrada, no que se prevé a execución dunha senda peonil

09/12/2022

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar hoxe o proxecto da segunda fase das obras que transformarán por completo a EP-3303 Tabagón-Goián ao abeiro do modelo provincial de mobilidade amable e sostible “que permite gañar espazo para as persoas”, como destacou a presidenta Carmela Silva. En concreto, nesta mellora da mobilidade peonil que abarcará 1,8 quilómetros do total de 4,5 que ten a estrada, investirase un orzamento de 795.872€. Os traballos financiaranse a través dun convenio entre a institución provincial, que aportará o 80% do presuposto (636.697 euros) e o Concello do Rosal 20% (159.174 euros). Terán un prazo execución de 10 meses.

Nesta segunda fase actuarase no treito que vai dende o pq 1+795 ata o pq 3+600 e contémplase a execución dunha senda peonil na marxe dereita da estrada para garantir a seguridade das persoas, do punto 1+795 ao 2+200 e do 2+300 ao 3+600. Na marxe esquerda habilitarase unha beiravía de ancho mínimo de 0,50 metros, que se completará ata as fachadas e peches existentes cunha cuberta transitable de formigón. Amais, na zona da Igrexa de San Bartolomeu de Eiras haberá unha zona de convivencia sobreelevada con prioridade peonil (entre os puntos quilométricos 2+200 e o 2+300). Tamén se renovarán as capas de rodaxe e de pavimento de formigón con bandas de pedra na zona de convivencia con redutores de velocidade e pasos sobreelevados. Ademais, executarase a rede soterrada de recollida de augas pluviais, con cunetas transitables, e a de alumeado, con arquetas para a futura colocación de farois.

Na primeira fase, xa rematada, actuouse nun treito de 1,7 quilómetros, cun investimento superior aos 650.000 euros, dos que 472.623 € (o 73% do custe total) conseguiu financiamento procedente do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. O resto do custe foi asumido pola Deputación e o Concello.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).

Logos

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.