A Deputación mellora a seguridade e a mobilidade peonil na estrada EP-4204 nas Neves
A Xunta de Goberno aproba o convenio co Concello para a posta en marcha desta actuación, presupostada en 177.000 euros e que inclúe a creación dunha senda peonil
28/12/2022
A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello das Neves para a posta en marcha das obras de mellora da mobilidade peonil na EP4204 As Neves-Estación, no seu primeiro tramo de 550 metros. A actuación, que inclúe a habilitación dunha senda peonil, unha zona de convivencia e beiravías, suporá un investimento de 177.000 euros, dos que segundo o convenio a Deputación aportará o 80% (141.000 euros) e o Concello das Neves o 20% restante (35.400).
A actuación desenvolverase nun treito de medio quilómetro nesta estrada provincial, que ten unha lonxitude de dous quilómetros e conecta o centro das Neves coa zona da estación, e ten como obxecto principal o acondicionamento do viario, ao fin de mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade, tanto para o tráfico rodado como para o peonil. Deste xeito, nun primeiro tramo de 125 metros realizarase unha senda peonil pola marxe dereita, cun ancho mínimo de 2,5 metros e executada en formigón coloreado, ata unha zona de convivencia que se proxecta na intersección coa estrada municipal. Na marxe esquerda ampliarase a calzada para acadar dous carrís de 2,75 m e dobre sentido de circulación ata a ponte que cruza a estrada autonómica.
A zona de convivencia con prioridade peonil habilitarase no cruce co viario municipal (entre os pq 0+125 e 0+150). No resto do ámbito de actuación, proxéctase a renovación da capa de rodaxe e a ampliación da estrada nos lugares onde é posible e a execución dunha beiravía para aumentar a seguridade viaria. A maiores, a actuación contempla a execución dunha nova rede de pluviais, así como a rede de alumeado público soterrada, con novas luminarias.