Seis concellos da provincia contarán con novas caldeiras de biomasa grazas á Deputación

Carmela Silva: “Seguimos apostando por novos sistemas enerxéticos que aforran custes e que son respectuosos co medio ambiente”

16/01/2023

A Deputación de Pontevedra inicia o proceso para contratar ás empresas que subministrarán a unha vintena de infraestruturas municipais de seis concellos da provincia de novas instalacións para uso térmico. En concreto, os concellos de Cangas, Portas, Redondela, Tomiño, Vilaboa e A Cañiza, poderán substituír o sistema que empregan actualmente por caldeiras de biomasa, o que permitirá reducir a demanda enerxética, o consumo e as emisións de residuos de carbono.

O proxecto conta cun orzamento de 454.546 euros, dos que 387.900 euros, é dicir, o 80%, están financiados polo Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE). Desta maneira, como explicou Carmela Silva, “seguimos apostando por novos sistemas enerxéticos que aforran  custes e que, ademais, son respectuosos co medio ambiente”

En concreto, Cangas recibirá 105.347 euros para instalar caldeiras de biomasa na pista de atletismo e no pavillón; Portas 111.13 euros para o albergue , o campo de fútbol e o pavillón municipal: Redondela 105.291 euros para actuar no pavillón municipal e na casa da cultura; Tomiño 37.375 euros para o edificio de benestar social e policía; Vilaboa 37.172 euros para a casa do concello, e A Cañiza 58.244 para substituír os radiadores eléctricos de 15 edificios municipais – como centros culturais, tanatorios ou unha biblioteca, entre outros- por estufas de pellets. Ademais, todas as instalación disporán de sistema de telexestión e adaptaranse as salas de máquinas que existen na actualidade.

Enlaces de interés